DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 23 de setembro poderán presentarse as solicitudes 

60 premios para o alumnado máis excelente que inicia estudos de grao na UVigo

A contía de cada premio é de 600 euros 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
DUVI 17/09/2024

Ata o 23 e ata o 30 de setembro, respectivamente, poderán presentarse as solicitudes para os Premios á excelencia académica para o alumnado que inicia estudos de grao e mestrado na Universidade de Vigo este curso 2024/2025. Co obxectivo de incentivar a cultura do mérito e a excelencia, a través do recoñecemento ao alumnado cos mellores resultados académicos nos estudos previos ao seu ingreso na universidade, ou que teñan acadado un éxito relevante nas distintas fases das olimpíadas científicas, no caso do grao, e nos estudos previos ao seu ingreso nos estudos oficiais de mestrado, no caso do másteres, a UVigo convoca 75 premios, cunha contía individual de 600 euros.

Nesta convocatoria dos premios para os estudos de grao outorgaranse 60 galardóns: cinco recoñecementos ao estudantado con premio extraordinario de Bacharelato ou Ciclo Superior; cinco premios ao alumnado clasificado en postos relevantes das fases internacional, nacional ou autonómica dalgunha das olimpíadas científicas; 35 galardóns ao estudantado con excelente resultado académico no Bacharelato e outros 15 a alumnas e alumnos con excelente resultado no Ciclo Superior.
No caso dos premios para o alumnado que inicia estudos de mestrado convócanse 15 galardóns: dous no ámbito das Artes e Humanidades e das Ciencias e Ciencias da Saúde; sete no de Ciencias Sociais e Xurídicas e catro no de Enxeñaría e Arquitectura.

Requisitos das persoas socilitantes 

Para optar aos galardóns de excelencia académica de inicio de estudos de grao, as e os alumnos deberán estar matriculados no curso 2024/2025 por primeira vez en titulacións de grao en centros propios da UVigo ou en centros adscritos de titularidade pública que imparten titulacións que non se poden cursar en centros propios (Enfermaría Ourense, Pontevedra e Meixoeiro). As e os aspirantes aos premios deberán finalizar os estudos de Bacharelato ou Ciclo Superior no curso 2023/2024 e cumprir algún dos seguintes resultados académicos: obter premio extraordinario de Bacharelato ou Ciclo Superior da Xunta de Galicia; estar clasificado do 1º ao 3º posto da fase autonómica, ou do 1º ao 8º posto das fases nacional ou internacional dalgunha das olimpíadas científicas ou obter unha nota media do expediente igual ou superior a nove puntos no Bacharelato ou no Ciclo Superior de Formación Profesional.

Pola súa banda, as persoas que queiran presentarse aos premios de excelencia para inicio de estudos de mestrado deberán estar matriculados este curso por primeira vez en estudos de máster, en centro propios ou adscritos de titularidade pública e obter unha nota de acceso aos estudos de máster igual ou superior a 8 puntos, calculada segundo o RD 1125/2003.

As solicitudes deben realizarse a través dos formulario en liña dispoñibles na Secretaría Virtual da UVigo.