Coa súa proposta 'Dúas fontes, unha fonte'
A artista Mar Ramón Soriano gaña o concurso de intervención artística Campus Auga
A peza situarase nunha parede lateral do edificio do proxecto de especialización do campus
A obra Dúas fontes, unha fonte, da artista María del Mar Ramón Soriano, é a gañadora do Concurso de intervención artística Campus Auga 2024, organizado pola Universidade de Vigo coincidindo coa celebración este ano do 50 aniversario do campus de Ourense. A súa proposta será a que ocupe unha das paredes laterais exteriores do edificio do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia.
A proposta elixida como gañadora polo xurado do certame consiste nunha intervención con cerámica de alta temperatura esmaltada en azul cobalto. A súa autora é María del Mar Ramón Soriano, nacida en Valencia en 1993, doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo, que ten o seu taller en Niñodaguia, aldea ourensá de tradición cerámica. Ten realizado estancias en Estados Unidos, grazas a una bolsa Fulbright de estudos artísticos, e diversas residencias de produción e investigación. Ademais, ten exhibido individualmente en diversas galerías e participado en exposicións individuais e colectivas, entre elas na Sala Alterarte do campus de Ourense.
A Vicerreitoría do Campus de Ourense facilitará os materiais e as estruturas necesarias para realizar a intervención, segundo o que figura na memoria presentada pola persoa gañadora. O prazo de realización efectiva do traballo, requisito indispensable para recibir o premio, rematará o 30 de novembro deste ano. O galardón está dotado con 5000 euros.
Ademais do premio a Mar Ramón Soriano, o xurado decidiu outorgar un accésit a María José Fernández Iglesias pola obra Un niño propio e outro a Erik Balbuena González e Marcos Fernández Cea pola peza conxunta Máis monte.
A convocatoria desta intervención enmárcase na celebración do 50 aniversario do campus de Ourense. Tamén nace do compromiso da súa vicerreitoría no eido da arte contemporánea e no obxectivo de pór en valor os seus espazos ao tempo que se amosa á cidadanía novas linguaxes creadoras. Igualmente está en liña coas actividades de extensión universitaria realizadas pola UVigo e dirixidas a promover prácticas culturais e artísticas e a dar visibilidade á creatividade da comunidade universitaria.