DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Asinado o convenio do Programa María Goyri para a contratación de 64 axudantes doutores na UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HR
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 27/11/2024

A Universidade de Vigo poderá contratar un total de 64 axudantes doutores logo da sinatura este mediodía, nun acto celebrado en Santiago de Compostela, do convenio entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades do acordo para a posta en marcha do Programa María Goyri de incorporación de talento docente e investigador ás universidades públicas españolas.

Os conselleiros de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, participaron na sinatura do convenio co secretario de Estado de Ciencia, Innovación e Universidades, Juan Cruz, e cos reitores das universidades de Vigo, Manuel Reigosa, e A Coruña, Ricardo Cao, e o vicerreitor de Profesorado da USC, Ernesto González. En total as institucións académicas galegas percibirán da Xunta, ata 2023, un total de 16,3 millóns de euros, o 40% do custo do acordo, para a creación de 166 prazas de axudantes doutores, ao abeiro deste programa que durante os seis primeiros anos cofinanciará o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, que consigna 1,3 millóns de euros iniciais, quedando o resto do importe á espera da cantidade que se consigne anualmente nos orzamentos do Goberno central.

A traves deste Programa, o Goberno de España financiará a contratación de 101 profesores e profesoras axudantes doutoras e a Xunta as restantes, incrementando arredor dun 40% o volume de prazas desta categoría nas tres universidades galegas. A partir de 2031 a consolidación do persoal incorporado ao SUG correrá a cargo da Xunta, cun custo arredor dos 7 millóns de euros anuais. 

As tres universidades públicas galegas poderán crear as prazas ata o fin do curso 2027-2028, tendo en conta que precisan tempo para publicar as correspondentes convocatorias.

Un programa que avanza na adaptación á LOSU

O reitor da UVigo, Manuel Reigosa, asegurou na súa intervención que, "son dos que creo que o futuro dunha sociedade moderna ten que ver coa incorporación do coñecemento a todos os niveis e isto acaba permeando para construír unha sociedade máis moderna, xusta e equitativa". Reigosa puxo en valor, tanto o sistema universitario público español, como o galego, cun plan de financiamento, neste caso, que permite facelo máis competitivo.

O reitor referiuse aos dous retos que considera ten o sistema universitario en relación coa capacidade de atraer, formar e reter talento, que son unha banda a adaptación á LOSU e os cambios de modalidade de profesorado, onde encaixa, "como pedrada en ollo de boticario o Programa María Goyri", e pola outra, a renovación do persoal. Rematou a súa intervención Reigosa referíndose ao financiamento e á xenerosa achega que os gobernos central e autonómico,considera, realizan a este programa e agradecendo que fose posible un acordo "entre administracións de distinto signo, que tamén é construír país".

42 prazas, este ano na UVigo

“Finalmente serán 42 as prazas, nas áreas seleccionadas, principalmente nos ámbitos xurídico-social e tecnolóxico, as que sairán este ano 2024 e non 39 como inicialmente estaba previsto, logo dos acordos acadados cos departamentos da UVigo”, explica a vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica. Adela Sánchez Moreiras confirma que xa se enviaron á Consellería de Facenda e á Secretaría Xeral de Universidades as correspondentes solicitudes de autorización de gasto e que previamente este incremento de prazas fora aprobado pola COAP por trámite de urxencia.

“Das 42 prazas, 39 son con cargo ao Ministerio Ciencia, Innovación e Universidades e as 3 restantes á Xunta, mentres que as 22 restantes, ata completar as 64 sairán con cargo ao goberno autonómico, entre os anos 2025 e 2028”, detalla Sánchez Moreiras. A vicerreitora lembra que no Programa María Goyri os criterios están fixados polo Ministerio, que determina que as prazas teñen que saír unicamente en áreas nas que haxa perda de capacidade docente pola presenza de axudantes doutores a máis de 180 horas e asociados a máis de 120 horas, o máximo fixado para cando remate o período de transitoriedade da LOSU.