O desfile terá lugar o 22 de novembro e conmemorará os 20 anos de estudos de moda na UVigo
Búscanse modelos para Debut 2024
Será posible inscribirse ata o 4 de novembro
No curso 2004/2005 botaban a andar os Estudos en Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga), un título propio da Universidade de Vigo substituído no curso 2017/2018 polo actual Máster en Dirección Creativa e Deseño en Moda. Conmemorar os vinte anos de traxectoria dos estudos de moda na UVigo será un dos obxectivos de Debut 2024, o desfile no que, desde a primeira promoción de Esdemga, os novos titulados e tituladas presentan cada ano as coleccións que desenvolveron como proxectos finais da súa etapa formativa. Para poder amosar as súas creacións sobre a pasarela, egresados e egresadas precisan da colaboración de persoas dispostas a exercer como modelos por unha día. Con ese obxectivo, desde este mestrado da Facultade de Deseño inician esta semana o proceso de inscrición daqueles e daquelas que queiran colaborar como voluntarios cun evento que cada ano reúne un bo número de representantes da industria da moda no recinto feiral do Pazo da Cultura.
As persoas interesadas poderán inscribirse ata o 4 de novembro no despacho de Esdemga, na Facultade de Belas Artes, onde se lles tomarán medidas e se lles realizarán unhas fotografías. Como explica a coordinadora do mestrado, Lola Dopico, a selección final de participantes virá determinada polas características das coleccións que se presenten, que poden requirir de xente máis nova ou máis adulta, así como de persoas de diferente complexión. A inscrición pode realizarse de luns a mércores en horario de 11.00 a 13.00 horas e os venres de 17.30 a 19.30 horas. “Trátase dunha convocatoria aberta a todo o mundo”, apunta Dopico, que lembra que se trata dunha colaboración voluntaria, que permite a mozos e mozas participar “dunha experiencia divertida e enriquecedora”. Aínda que a cifra final dependerá das necesidades dos traballos que o alumnado presentará nas próximas semanas, “normalmente precisamos entre 60 e 70 persoas”, ás que se lles solicita tanto participar no desfile do día 22 como no ensaio previo, que terá lugar o sábado 16 de novembro.
Máis que un desfile
Como nas anteriores edicións, Debut abrirase cun primeiro bloque no que se presentarán as coleccións realizadas como traballos de fin de mestrado, que optarán aos diferentes premios, e completarase coa parte dedicada aos proxectos realizados polo alumnado no primeiro curso do mestrado. Novamente, o desfile inserirase nun programa “de actividades de formación complementaria e de xornadas” centradas no mundo da moda, apunta Dopico. Unha das novidades desta edición, engade, será que o desfile contará tamén coa colaboración do alumnado do Grao en Deseño, co que se desenvolverá “un workshop específico” dirixido a que poidan “participar da experiencia” de Debut “deseñando elementos da propia posta en escena do desfile”.