DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘Cuquiños’ está aberto á participación de nenas e nenos de terceiro a sexto de Primaria

O campus pon en marcha un coro infantil

Estará formado por arredor de 45 cantoras e cantores

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Ourense 09/09/2024

O curso académico 2024/2025 arranca con moitos retos para os diferentes colectivos da comunidade universitaria. Entre eles, o Coro Universitario Campus Ourense (CUCO) afronta a posta en marcha da súa primeira sección infantil, chamada Coro Infantil Cuquiños. Con prazas para arredor de 45 nenas e nenos, a formación xorde para fomentar aínda máis o carácter interxeracional de CUCO.

“Con gran ledicia e ilusión, presentamos esta nova actividade do campus de Ourense na que a Universidade volve a abrir as súas portas á cidadanía, neste caso aos máis pequenos e pequenas”, destacou Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, na presentación este luns da iniciativa celebrada no Edificio de Ferro universitario. Pola súa banda, Ruth González, directora de CUCO, e Víctor Vicente Fernández, responsable de Cuquiños e mestre de Educación Primaria na especialidade de Música e Danza que ten dirixido distintos coros e orquestras con instrumental Orff, foron os encargados de explicar en detalle a nova agrupación coral.

Enriquecemento mutuo

Sobre os motivos que levaron á posta en marcha de Cuquiños, os seus promotores subliñaron que “dende sempre o Coro Universitario Campus Ourense deulle moito valor a intentar crear un coro interxeracional, aberto a cidadanía de Ourense, onde se xunta o alumnado da Universidade e estranxeiro con profesorado, traballadores da UVigo e persoas de distintas entidades que lle dan un carácter estable ao coro”. Para pechar este círculo, a formación, engadiron, dende os seus comezos sempre quixo acoller un coro infantil, “que puidera enriquecelo aínda máis, a nivel musical, coa incorporación dunha variedade de voces brancas”.

A posta en marcha agora desta sección comezou a fraguarte nos actos de graduación das titulacións de Educación Infantil e Educación Primaria celebradas o pasado mes de xuño e nas que xunto a CUCO participaron nenas e nenos de coros da Escola de Música de Barbadás e do CEIP Plurilingüe Inmaculada de Ourense. Bebendo desta experiencia, Cuquiños nace xa con arredor de 30 voces infantís procedentes destas formacións e ofrece 15 prazas máis para nenas e nenos de terceiro a sexto curso de Educación Primaria que se queiran unir. Os ensaios serán luns e xoves, de 18.00 a 19.30 h, nas instalacións universitarias. A nova agrupación actuará tanto de xeito individual como conxuntamente co coro de adultos.

Desde o Coro Universitario Campus Ourense poñen en valor os beneficios que ten esta actividade para nenas e nenos, entre eles o desenvolvendo das habilidades musicais e sociais, as emoción e o sentido de pertenza. Para o alumnado e profesorado do campus dos graos de Educación Primaria e Infantil, engaden, tamén se abre a posibilidade de levar a cabo algún tipo de colaboración de interese pedagóxico. “A presenza deste coro infantil resulta moi motivador para todos”, afirman.