DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na conferencia que Josu Jon Imaz impartirá este xoves na Escuela Naval Militar

A Cátedra Álvarez-Ossorio abordará a situación do sector enerxético da man do conselleiro delegado de Repsol

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Académica
DUVI Pontevedra 22/10/2024

Industria e enerxía: unha visión para España e para Europa é o título da conferencia que impartirá este xoves na Escuela Naval Militar (ENM) o conselleiro delegado de Respol, Josu Jon Imaz, no marco das actividades da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio. Promovida pola Universidade de Vigo e a ENM, a cátedra iniciaba o 4 de outubro as súas actividades do curso 2024/2025 cun relatorio do vicepresidente da Comisión Europea, José Borrell, para achegarse agora á realidade do sector enerxético, nunha conferencia programada para as 19.00 horas no salón de actos da escola con sede en Marín.

Doutor en Ciencias Químicas pola Universidade do País Vasco (UPV/EHU), Imaz iniciou a súa traxectoria profesional nos ámbitos da investigación e da promoción de proxectos industriais e empresariais vinculados ao mundo da enerxía, incorporándose a Repsol o ano 2008, como presidente da súa filial Petronor. Previamente, exerceu diversas responsabilidades políticas, como membro do Partido Nacionalista Vasco (EAJ-PNV), do que foi presidente entre 2004 e 2008. Con anterioridade, exerceu como deputado do Parlamento Europeo entre 1994 e 1999, ano no que foi nomeado conselleiro de Industria, Comercio e Tursmo e portavoz do Goberno vasco, cargos que desempeñou ata 2004. Catro anos despois iniciou a súa traxectoria en Repsol, converténdose en 2010 en director de Novas Enerxías e dous anos máis tarde no director xeral da Área Industrial e Novas Enerxías da compañía. Desde o seu nomeamento como conselleiro delegado, sinala Respol, Imaz “liderou o proceso de transformación” da compañía, que acelerou “o proceso de descarbonización dos seus activos, converténdose nun dos líderes da transición enerxética en España”.

Creada en 1994 como órgano de relación institucional para temas culturais, científicos, técnicos, humanísticos e de interese común entre a Universidade e a Armada, a Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio busca no presente curso afondar nas contribucións de España en diferentes ámbitos. Con ese obxectivo, acollerá unha serie de encontros nos que “diferentes personalidades abordarán esta temática desde varias perspectivas, incluíndo a investigación científica, a política pública, o deporte e práctica profesional”, como sinalaba a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, con motivo do inicio da súa programación neste curso 2025/2025.