DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inseridos na programación do 25 aniversario de Ciencias da Educación e do Deporte

Un ciclo de obradoiros reivindica a creatividade como o motor dun ensino transformador

Con propostas centradas na literatura, a música e a arte

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Cultura
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 08/04/2025

'Crear para transformar' é o título do ciclo de obradoiros que nestes días buscan achegar o alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte unha serie de experiencias que fomenten a innovación pedagóxica, a creatividade e o pensamento crítico. Inseridos nas actividades conmemorativas do 25 aniversario deste centro, entre este luns 7 e o mércores 9 teñen lugar catro talleres que permiten o estudantado coñecer iniciativas de transformación de espazos pedagóxicos, animación á lectura, composición musical e creación de instrumentos.

Coordinado polas profesoras Eulalia Agrelo, Begoña Paz e Sara Martínez Lloria, trátase dunha iniciativa que, a través de “propostas conducidas por profesionais e entidades de referencia”, busca levar o alumnado a “explorar camiños posibles para unha educación transformadora, comprometida e conectada coa realidade social”. Nese senso, o obxectivo, sinala Agrelo, é dar continuidade a este ciclo e que poida converterse “nun punto de partida para o deseño de prácticas docentes inspiradoras, capaces de propiciar unha formación interdisciplinar e humanista, na que a creatividade actúe como motor esencial do cambio educativo e social”.

De como organizar un contacontos á como crear instrumentos

A programación deste ciclo botou a andar este luns cunha sesión dirixida a achegar o alumnado “estratexias e dinámicas para promover a lectura literaria desde as aulas de educación infantil”, apunta Agrelo, a partir da traxectoria da editorial Kalandraka. Impartido por Xosé Pérez e a egresada da facultade Zeltia Pino, esta actividade arrancou cunha presentación deste proxecto editorial, para logo pór o foco nas “posibilidades da narración oral como potente ferramenta comunicativa que serve para achegar os libros e a lectura, pero que cumpre outros moitos obxectivos”. Con ese propósito, Pérez e Pino trazaron un percorrido polo catálogo desta editorial, para logo deterse na importancia de “escoller o espazo e o momento” para programar actividades de contacontos nun centro educativo, así como no xeito de preparalas. Esta sesión permitiu ademais afondar nas posibilidades do álbum ilustrado “como punto de partida para o traballo na escola” e coñecer “experiencias de creación literaria” que tomaban como punto de partida diferentes obras.

Tamén o luns, a facultade acolleu un obradoiro de construción de instrumentos infantís, impartido polo luthier Oli Xiráldez, que permitiu o alumnado coñecer diferentes instrumentos do “repertorio tradicional galego”, así como aprender a construír “enredos sonoros” e abordar a implantación deste tipo de materiais nas aulas.

Estratexias para transformar as aulas

A programación continúa este martes cun obradoiro sobre o deseño de propostas e ambientes pedagóxicos, impartido por Patricia G. Abraín, integrante do proxecto de investigación e innovación pedagóxica Createctura, impulsado pola asociación ILER, con sede en Cantabria. Dirixido a afondar co alumnado na posibilidade de crear “ambientes pedagóxicos para a curiosidade”, o taller arrancou precisamente amosando ás e aos participantes a transformación realizada previamente por esta deseñadora de interiores do propio laboratorio de innovación docente da facultade. “O que nos interesa é que vexan que hai outras maneiras de facer e outras posibilidades, tanto na estrutura como na distribución dos espazos”, salienta Abraín, que con esta iniciativa buscou amosarlles que “unha aula pode ser algo distinto” e converterse nun espazo “onde se atende ás necesidades diversas” do alumnado. 

Abraín presentou tamén as bases dun proxecto que achega “estratexias e ferramentas de deseño aos docentes”, para logo convidar ás persoas participantes a deseñar as súas propias propostas de transformación, empregando unha serie de materiais de refugallo, cos que deseñar propostas de intervención que poidan “resultar interesantes e significativas para ao alumnado”, conectándoas á súa vez coas competencias recollidas nos currículos.

A programación deste ciclo péchase este mércores co obradoiro 'Improvisamos', que propón unha aproximación ao soundpainting, “unha linguaxe de signos aplicada á composición en tempo real”, da man de Xacobe Martínez Antelo, cuxa traxectoria como baixista, contrabaixista ou director musical levouno a participar na gravación de máis de 40 discos. Neste caso, este músico e activista cultural buscará iniciar o alumnado nunha linguaxe dirixida a “compor ao vivo pezas improvisadas multidisciplinariamente e de xeito colectivo”, que engloba “calquera tipo de expresión artística”, desde o movemento e as artes plásticas e visuais, ata o teatro ou a literatura.