DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha nova sesión das charlas divulgativas do programa Meta

Cociñeiros, académicos e alumnado conversan sobre emprendemento

Participaron Daniel Guzmán e Julio Sotomayor, do restaurante Nova, e a investigadora Laura Gómez

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Emprender
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Ourense 20/02/2025

Este mércores arrancou na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense unha nova edición de Conversas #Emprender. Trátase dunha iniciativa que forma parte das actividades de Meta, un programa de mentorización que se desenvolve cada curso académico neste centro. A través dun ciclo de conferencias-coloquio o seu obxectivo é promover a divulgación científica, o emprendemento e a cultura empresarial na cidadanía, particularmente entre o alumnado desta facultade, e pór en valor a importancia da investigación en economía e empresa.

A idea destas conversas, nas que colabora, ademais da propia facultade, Startup Galicia e AFFE, é que un investigador ou investigadora comparta escenario cun profesional relacionado co emprendemento, sendo os temas elixidos habitualmente de interese xeral ou de actualidade relacionados co mundo da empresa e a súa conexión coa sociedade. Este formato, indican desde a súa organización, fomenta o debate e a crítica de novos coñecementos, ideas e opinións entre amplos colectivos sociais, xuntanto especialistas do mundo académico e empresarial con alumnado.

A sesión celebrada este mércores estivo moderada por Ernesto López Valeiras, investigador en Control de Xestión na Universidade de Vigo e coordinador de Meta, e nela interviron Laura Gómez, investigadora especializada en control de xestión da Universidad Pablo de Olavide de Sevilla, e Daniel Guzmán e Julio Sotomayor, emprendedores e cofundadores do restaurante Nova, ubicado en Ourense e que conta cunha Estrela Michelin. Estes últimos explicaron ao público asistente a súa traxectoria profesional en restauración e a súa visión do emprendemento en base á súa propia experiencia persoal.  

Esta  primeira conversa de 2025 dá continuidade ás actividades do programa Meta. Mentores de Empresariais e Turismo de Ourense. Esta iniciativa une cada curso académico a mentores (profesionais) e mentorizados (estudantes dos dous últimos cursos de grao) para compartir tempo, coñecementos e actividades co obxectivo de que o alumnado universitario mellore as súas perspectivas e oportunidades laborais, facilitando o seu tránsito da vida académica á profesional.