A través das avaliacións e do seguimento levado a cabo no Laboratorio de Rendemento Deportivo
Dúas promesas do atletismo español optimizan a súa preparación en Ciencias da Educación e do Deporte
Os lanzadores Hugo Casañas e Andrea Capeáns teñen como obxectivo os Xogos da Xuventude de 2026
Campións de España sub16, tanto de lanzamento de disco coma de peso, Hugo Casañas e Andrea Capeáns son dúas promesas do atletismo que contan coa colaboración do Laboratorio de Rendemento, Condición Física e Benestar da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte no seu obxectivo de prepararse para os Xogos Olímpicos da Xuventude de 2026. A realización de avaliacións de rendemento, que permiten coñecer a súa evolución en diferentes parámetros referidos a potencia, velocidade ou mobilidade articular, e o posterior seguimento por parte dos investigadores e investigadoras do laboratorio permiten optimizar os plans de adestramento destes dous atletas, co obxectivo de que “crezan adecuadamente para que poidan competir a alto nivel”, como sinala o seu responsable, o tamén decano da facultade Óscar García.
Dando continuidade á colaboración do laboratorio co responsable do grupo de lanzamento do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), o cinco veces olímpico Frank Casañas, “decidimos facer unha aposta con dous novos talentos” e levar a cabo uns traballos de “seguimento e control”, sinala García. Estes, engade, están dirixidos a contribuír a dotar a estes dous lanzadores dunha “base ampla e sólida”, máis aló do seu rendemento nas categorías inferiores, que “xa está a ser moi bo, porque teñen talento”.
De feito, Hugo Casañas acumula xa unha quincena de récords de España, tanto de lanzamento de peso como de disco, e no mes de marzo sumaba a un novo ouro nun Campionato de España o feito de ter acadado a mellor marca mundial para un deportista de 15 anos cun disco de 1,5 quilos. Facíao na súa primeira tempada competindo en categoría sub18, ao igual que Capeáns, quen lograba recentemente o bronce en lanzamento de peso no Campionato de España sub18, despois de acadar o ano pasado a medalla de ouro, tanto en lanzamento de peso como de disco, no campionato estatal sub16, ao igual que Casañas.
Un traballo a longo prazo
Desde hai preto de dous anos, explica García, Casañas Pedrares e Capeáns Rey sométense no laboratorio da facultade pontevedresa a unha serie de avaliacións periódicas, que abranguen un conxunto de probas de potencia, forza máxima, velocidade, mobilidade articular ou control postural e que á súa vez permiten tanto adaptar a carga de adestramento como previr posibles lesións. Nese senso, Casañas recoñece que este traballo achégalle “sobre todo, moita información”, que lle permite guiar a preparación destes dous deportistas, que compiten co Ourense Atletismo, e tratar de estar “o máis lonxe posible das lesións”. Ao mesmo tempo, trátase dun “seguimento bastante exhaustivo” que posiblita tamén que os propios lanzadores teñan unha “información detallada de en que momento están e de todo que teñen que facer para manterse en óptimas condicións”, así como “as partes que teñen que reforzar”, salienta o seu adestrador.
“Son rapaces moi novos, que están en pleno crecemento e hai que coidar moitas cousas”, subliña o responsable do grupo de lanzamento do CGTD, ao que García engade que se trata dun traballo “centrado non tanto no rendemento puntual, senón en como se van desenvolvendo” como atletas, pondo o foco en cuestións como, por exemplo, que non haxa “déficits de mobilidade que lles limiten cando teñan 25 anos, por acurtamentos que xorden nestas idades, que non haxa un déficit coordinativo ou de simetrías”. De feito, as pautas que desde o laboratorio achegan a Casañas para o traballo da súa condición física poñen especial énfase na corrección deses posibles déficits, á vez que tratan tamén de incidir en aspectos como a adherencia ao deporte, dada a importancia que nestas idades ten a “parte psicolóxica”. Neste punto, García destaca o grao de implicación destes dous deportistas e o rigor co que “van cumprindo obxectivos” avaliación tras avaliación.
E un reto en 2026
Aínda que o traballo con “novos talentos” obriga a “mirar sempre a medio e longo prazo”, recoñece Frank Casañas, fixar obxectivos máis próximos contribúe tamén a que os atletas “se manteñan enfocados”. Neste punto, admite ser “un adestrador ao que lle gusta traballar tamén por proxectos a curto ou medio prazo”, máisa aló de que o obxectivo final sexa preparalos “para que nun futuro poidan ser atletas profesionais”. Neste caso, o reto que Hugo Casañas, fillo dun adestrador que acumula cinco participacións como lanzador de disco nos Xogos Olímpicos, e Andrea Capeáns teñen no horizonte son os Xogos da Xuventude de 2026. Organizados polo Comité Olímpico Internacional cada catro anos, trátase dunha competición para deportistas de entre 14 e 18 anos, que terá lugar en Dakar e na que o obxectivo é que estes dous atletas aspiren “ao máximo”, admite o seu adestrador.
Por outra banda, ao traballo que o laboratorio vén realizando con Capeáns e Casañas súmase o que desde agora levarán tamén a cabo cunha terceira promesa do lanzamento, Aixa Corbacho, que se incorpora a este proxecto.