Trátase dun relato de escritor vigués Fran Zabaleta, que ten lugar no Camiño de Santiago
Estudantes de Comunicación Audiovisual e Enxeñaría de Telecomunicación deseñan un videoxogo ambientado na Idade Media
Nunha iniciativa do grupo de innovación docente ComTecArt
Un dos relatos que integran Medievalario, o libro no que o escritor vigués Fran Zabaleta buscou retratar a Idade Media en Galicia, constitúe o punto de partida do proxecto de videoxogo que ao longo deste cuadrimestre desenvolve un grupo de estudantes dos graos en Comunicación Audiovisual e en Enxeñería de Tecnoloxías de Telecomunicación. Fano no marco dunha iniciativa do grupo de innovación docente ComTecArt, que busca achegar o alumnado aos procesos de traballo na industria do videoxogo, a través dunha experiencia que leva a estudantes destas dúas titulacións a traballar conxuntamente no deseño e desenvolvemento da primeira fase dun videoxogo, no marco da súa formación en diferentes materias.
A iniciativa que desde 2017 promoven as e os docentes Beatiz Legerén, Antonio Pena, Enrique Costa e Luis Fernández toma como punto de partida cada curso unha obra literaria ou guión cinematográfico dun autor ou autora galega, como é neste caso El husmo de la tierra, unha das tres novelas curtas que integran Medievalario. Guionista de documentais, editor e autor de novelas e libros de viaxe, historia e divulgación, Zabaleta coñecía nos últimos días, nun encontro por videoconferencia, o proxecto de videoxogo no que traballan dez alumnos e alumnas, Ecos del Bosque.
“A proposta recibina con sorpresa e curiosidade”, recoñecía este escritor dunha iniciativa na que, como explica Legerén, o estudantado toma como punto de partida o seu relato para “intentar deconstruílo” e deseñar un videoxogo, do que deberán desenvolver un primeiro nivel ou unha demo ao remate do cuadrimestre. “Pareceume interesante, unha forma de interrelacionar campos artísticos diferentes”, engadía Zabaleta, quen na súa segunda novela buscaba “reflectir de forma global a Idade Media en Galicia”, reunindo nos seus relatos “a descrición tanto física como mental dos personaxes máis característicos” daquel período, “ao estilo dos bestiarios medievais, que eran unha representación física e moral” de animais e criaturas mitolóxicas. Publicada en 2011, Medievalario reúne un conxunto de historias protagonizadas por personaxes que representan os diferentes estamentos daquela sociedade, das que o grupo ComTecArt seleccionou a protagonizada, como recolle o texto de presentación do libro, por “un rapaz campesiño que vive nunha pousada do Camiño de Santiago, de pai descoñecido e tan fermoso que todos creno fillo do demo”.
‘Ecos del Bosque’
Cinco alumnos e alumnas da Facultade de Comunicación e outros cinco da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación integran o equipo de traballo responsable de levar a cabo este videoxogo e do que forman parte, como lembra Antonio Pena, tres estudantes procedentes de Corea, Montenegro e Croacia, que se forman no presente curso na UVigo ao abeiro de diferentes programas de mobilidade internacional. Nos últimos días, este grupo presentaba a Zabaleta a proposta de xogo na que se atopan traballando, Ecos del Bosque, “un role playing game en terceira persoa”, no que o a persoa xogadora controla a Roi, o neno protagonista do relato, “co obxectivo de conseguir que sobreviva”, explicaron. O xogo arranca cando este personaxe “esperta só nun bosque, morto de fame”, o que levarao a buscar alimentos, primeiro no propio bosque, logo nunha aldea, “na que todos foxen del” e finalmente nunha granxa, na que se atopa con outro dos personaxes do relato.
Tras coñecer a súa proposta, Zabaleta lembraba que unha das claves desta iniciativa era “que fora recoñecible a relación entre a obra e o videoxogo”, destacando como a súa proposta cumpría por completo ese requisito. Non en van, explicou, o obxectivo do xogo era “alimentar a Roi” e este conectaba directamente co “elemento central” dun relato “que fala da loita pola supervivencia nun mundo duro e incomprensible”.