Con dúas sesións esta semana abertas ás persoas interesadas
As experiencias de realidade virtual de Galiverso chegan ao campus
A Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolle esta semana dúas actividades de Galiverso, unha iniciativa da Xunta de Galicia que emprega as tecnoloxías inmersivas e de realidade virtual para amosar o patrimonio material e inmaterial dun xeito diferente. O luns pola tarde estivo Galiverso somerxido e este xoves pola tarde será a quenda de Galiverso no corazón da pedra. Concretamente, en Galiverso somerxido, as persoas que se achegaron ao campus tiveron a posibilidade de viaxar de xeito virtual nun batiscafo e explorar os fondos mariños da costa galega. En Galiverso no corazón da pedra poderán este xoves pola tarde, a partir das 16.00 h, entrar de xeito virtual e sen risco en lugares inaccesibles como a cova de Eirós, cos seus gravados e pinturas rupestres, e nalgunhas das salas máis espectaculares da cova do Rei Cintolo. Na actividade, aberta ás persoas interesadas, colabora o Grupo Beira do Miño.