DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A docente Susana Cendán é a comisaria de ‘Outras historias posibles’, que pode verse no Café Moderno

Unha exposición percorre o pasado recente da arte galega desde unha perspectiva feminista 

A artista e profesora Anne Heyvaert é unha das súas protagonistas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Feiras e exposicións
  • Cultura
DUVI Pontevedra 04/04/2025

Contar outra historia da arte en Galicia, que complemente ás xa existentes desde unha perspectiva feminista, foi o propósito co que a profesora da Facultade de Belas Artes Susana Cendán deu forma a Outras historias posibles, a exposición que desde este venres pode veres no Café Moderno Afundación tras recibir máis de 50.000 visitantes na Cidade da Cultura. Esta mostra reúne as obras de seis artistas, nacidas na década de 1950, e que non contaran “cunha exposición monográfica que lexitime a súa traxectoria”, explica a súa comisaria. Trátase de tamén docente na facultade pontevedresa Anne Heyvaert, das pintoras Ana García Pan, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré e da ceramista Emilia Guimeráns, autoras das máis de 50 pezas reunidas nunha mostra que poderá visitarse ata o 30 de maio e que busca ofrecer unha visión integral das súas traxectorias. 

Despois de exhibirse entre maio e xaneiro no Museo Centro Gaiás, esta exposición chega a Pontevedra da man de Afundación e da Xunta de Galicia, no marco do programa de itinerancias da Cidade da Cultura. Outras historias posibles foi inaugurada este venres nun acto que contou coas participación do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude; José López; o director xerente de Afundación, Pedro Otero; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; a directora territorial de Abanca en Pontevedra; Carmen Fernández; a coordinadora da área de Cultura de Afundación, Marité Cores; a comisaria Susana Cendán e as artistas Anne Heyvaert, Blanca Silva e Laura Terré. 

Outras historias posibles “procura enriquecer a historia da arte outorgando unha maior visibilidade a artistas galegas ou conectadas con Galicia”, sinalou López neste acto, no que puxo de relevo a necesidade de “construír discursos integradores que dirixan a ollada cara o talento de mulleres como as protagonistas deste proxecto”. Nesa mesma liña, o responsable de Afundación destacou que esta mostra “ofrécenos miradas complementarias e imprescindibles para comprender a totalidade e complexidade dun panorama cultural tan plural como o noso”. 

Seis artistas con propostas esteticamente dispares

Pinturas, esculturas, xilografías e debuxos conviven nunha exposición que presenta o traballo de seis artistas con “propostas esteticamente dispares”, que comezaron a despuntar na década de 1980, como lembra Cendán. Unha delas é a docente e investigadora do grupo dx5 Anne Heyvaert, quen fixou nesa década a súa residencia en Galicia, onde continuou unha traxectoria artística na que sobresae o seu traballo dentro da gráfica contemporánea. Esta mostra permite achegarse aos seus traballos centrados na idea do pregue e na expansión da arte gráfica, mais tamén coñecer algunhas das súas producións previas nos ámbitos do debuxo e da pintura. Xunto ás súas creacións, a exposición presenta unha escolma das pinturas de García Pan e Terré, á vez que afonda no “diálogo entre o pictórico e o téxtil” proposto por Sandoval. A mostra complétase á súa vez cun achegamento ao traballo de experimentación coa cerámica de Guimeráns e cunha serie de obras, tanto pictóricas como escultóricas, de Blanca García.

Nese obxectivo de “contar a historia desde outra perspectiva, que teña en conta as circunstancias políticas e sociais dun contexto concreto”, a exposición que agora se traslada a Pontevedra viuse complementada pola publicación dun catálogo, editado pola Fundación Cidade da Cultura, e no que as diferentes obras vense complementadas por textos biográficos das seis artistas. Deseñado pola profesora da Facultade de Deseño Patricia Dopico, esta publicación recolle os resultados do labor de investigación desenvolvido por Cendán, integrante tamén do grupo dx5, para este proxecto.