DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘Auto-da-fe’, de Weronica Siupka, pode visitarse ata o 29 de abril na sala O Abrigo

Unha exposición achega a Belas Artes un percorrido gráfico pola rexión polaca de Silesia

A artista e docente impartiu este xoves unha conferencia na facultade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Feiras e exposicións
  • Cultura
DUVI Pontevedra 10/04/2025

Profesora da Academia de Belas Artes e Deseño de Katowice, Weronica Siupka propón un percorrido gráfico pola rexión polaca de Silesia na exposición que nestes días pode visitarse na Sala O Abrigo, da Facultade de Belas Artes. Baixo o título de Auto-da-fé, esta mostra reúne unha trintena de gravados nos que esta artista e docente plasma múltiples realidades da rexión polaca de Silesia, desde estruturas arquitectónicas a detalles de portas, corredores ou fiestras. “Todos son lugares reais”, apunta Siupka dunha mostra que ten como punto de partida o xeito no que se percibe a propia contorna a través da arte e que nace, recoñece, da importancia que ten para ela “mostrar Silesia”, a través das imaxes de espazos que foron espertando a súa atención, ás veces “dun xeito un pouco máxico”.

Esta exposición poderá visitarse ata o 29 de abril neste espazo xestionado polo colectivo Lupercais e foi impulsada coa colaboración da asociación Taller Experimental de Obra Múltiple Conteporánea, con sede en Cangas. De feito, Auto-da-fe foi en 2023 a serie gañadora da primeira edición do certame de gravados de pequeno formato Mini Print Internacional Galicia, promovido por esta asociación. Tras exhibirse por primeira vez, a raíz do premio, nesta localidade do Morrazo, esta mostra supón a segunda oportunidade de contemplar en Galicia o traballo dunha artista que este xoves impartía tamén unha conferencia en Belas Artes, dirixida a achegar o alumnado a súa obra gráfica e procesos de traballo. Nese senso, Siukpa, directora do departamento de Deseño Gráfico da Academia de Belas Artes e Deseño de Katowice, resalta o positivo dunha estancia que agarda que sirva tamén como punto de partida para promover un convenio coa facultade, mentres que o seu vicedecano de Cultura, Ignacio Pérez-Jofre, salienta que esta colaboración permitiu achegar ao centro “unha exposición tecnicamente moi boa e moi contemporánea”. 

Deseño e sustentabilidade, no patio interior da facultade

Entre o 21 e o 25 de abril, Belas Artes será unha das sedes da programación da Semana Crea, acollendo iniciativas como o obradoiro Deseño Colaborativo. Coexistencia e sustenabilidade, que terá lugar na mañá do martes 22 no patio interior do centro. Esta iniciativa achegará á facultade o artista visual brasileiro Bruno de Almeida, que recentemente era seleccionado para deseñar a identidade visual da Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña. Cunha práctica artística que emprega a ilustración “como punto de encontro entre arte, literatura e deseño, co obxectivo de crear espazos que promovan o compromiso comunitario institucional”, Almeida proporá neste taller unha reflexión sobre “as ecoloxías ambientais e sociais”, como destacan desde a organización desta programación impulsada polo Campus Crea, co apoio da Deputación de Pontevedra. Aberto a toda a cidadanía, trátase dun taller con inscrición gratuíta, que pode realizarse a través do correo xes.crea@uvigo.gal.

Tamén no marco da Semana Crea, esta facultade acollerá o mércores 23 unha conferencia do artista e profesor da Universidad de Salamanca Carlos Rodríguez-Mendez. Ademais, tres investigadores do centro, Andrea Otero, Álex Fuertes e Julio Catalán, encargaranse de impartir outro dos obradoiros desta programación, Las hierbas que el arrojó, que levará aos e ás participantes a empregar materiais de refugallo atopados na cidade para dar forma ás obras que integrarán unha exposición na sede da asociación Kentada.