DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto que o grupo AF-4 leva a cabo ao abeiro do Plan Social Ence Pontevedra

Investigadores da EE Forestal poñen a proba unha innovadora metodoloxía para medir os beneficios intanxibles que proporcionan os bosques

Trátase de bens relacionados coa saúde física e mental, o recreo ou a espiritualidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • HR
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 03/04/2025

O pasado ano, o grupo de investigación AF-4 da Escola de Enxeñaría Forestal puxo un marcha un innovador proxecto, centrado no deseño dunha metodoloxía coa que avaliar os beneficios de carácter inmaterial, vinculados a saúde, benestar ou ocio, que achegan os bosques. Dando continuidade a unha liña de traballo que conta co financiamento do Plan Social Ence Pontevedra, un novo proxecto permitirá pór a proba a efectividade dos parámetros definidos por este grupo para medir un conxunto de “bens intanxibles que os bosques proporcionan aos usuarios e que teñen que ver coas emocións, o benestar, o recreo na natureza, a liberación do estrés ou a saúde mental”, como sinala o seu investigador principal, Enrique Valero. O obxectivo final, explica, é validar esta metodoloxía pioneira, que permitiría tanto certificar estes “servizos ecosistémicos”, como definir propostas de conservación e mellora destes recursos intanxibles. 

“Os bosques producen unha serie de servizos á sociedade e ao planeta que teñen que ser considerados”, subliña Valero, que incide na súa contribución “á fixación de carbono” procedente da atmosfera, á preservación da biodiversidade e “aos ciclos hídricos”. Mais, “xunto a esta realidade” atópase tamén a que viven os “milleiros de persoas que cada fin de semana van os montes pasear, coller setas, atoparse a si mesmos na natureza...”, recibindo dos bosques uns beneficios “que non se computaron ata o de agora”, dada a falta dunha metodoloxía que permitise medir esta serie de parámetros relacionados coa “espiritualidade, emotividade e saúde física e mental” dos seus usuarios e usuarias.

Tomando como punto de partida os Criterios de Xestión Forestal Sostible definidos na conferencia interministerial de Helsinki e, nomeadamente, a falta de desenvolvemento do criterio 6, referido o mantemento e mellora doutras funcións e condicións socio-económicas das masas forestais, o grupo AF-4 identificou en primeiro termo sete subcriterios, que sinalan as dimensións a avaliar. “Uns teñen que ver coas características do lugar, outros coas características da persoa, outros coas emocións que o espazo provoca, outros cos bens que poden atopar nos bosques...”, explica Valero. A partir destes, o equipo investigador definiu 29 subindicadores, que sinalan as dimensións que é preciso analizar en cada área e 62 descritores que determinan que é preciso medir no espazo boscoso a analizar. Estes, apunta, abranguen desde a avaliación das experiencias das e dos visitantes, a calidade do aire ou o “cromatismo” na paisaxe, ata a identificación de bens culturais, desde mámoas ou cruceiros ata lendas ou tradicións asociadas a un bosque. 

Posta a proba en bosques de diferentes puntos de España

Seleccionado na convocatoria de axudas do V Plan Social Ence, a segunda fase do proxecto centrarase na posta a proba desta metodoloxía, a través dunha serie de traballos de campo, nos que buscarán constatar a idoneidade dos descritores propostos, así como identificar “posibles axustes ou melloras”, cunha mostra de usuarios e usuarias dos bosques. Estes traballos, apunta Valero, levaranse a cabo en diferentes montes de Galicia, á vez que está previsto tamén o seu desenvolvemento, coa colaboración de Ence, en masas arbóreas de Santander e Huelva xestionadas por esta empresa. Deste xeito buscarase identificar tanto os valores intanxibles da contorna” e os “recursos xerais que xeran conexión emocional”, como incorporar a estes “a experiencia humana nos seus percorridos polos bosques”.

O obxectivo final sería tratar de incorporar estes criterios “aos modelos que se aplican na xestión forestal sostible”, permitindo definir accións de mantemento ou recuperación deste tipo de servizos. Do mesmo xeito, outro dos obxectivos é tratar de “incorporar esta nova metodoloxía” aos procedementos do sistema de certificación PEFC, que se basea nos Criterios de Xestión Forestal Sostible. Concretamente, explica Valero, a proposta é que poida empregarse nunha avaliación PECF-Plus Servizos Ecosistémicos, que implicaría tanto a avaliación dos criterios definidos na norma de certificación AENOR que regula este selo, como o recoñecemento, “como un plus a esa xestión”, destes bens intanxibles, así como da contribución das masas á xestión hidrolóxica, á preservación da biodiversidade e á fixación de CO2.