Nono Bandera será un dos 37 artistas presentes no evento que arranca este xoves en Madrid
Un profesor de Belas Artes participará na primeira feira de arte contemporánea e cerámica de España
Desde este xoves 6 de xuño, o Palacio de Santa Bárbara en Madrid acollerá cerARTmic, a primeira feira de arte contemporánea e cerámica de España, na que poderán contemplarse as creacións que unha serie de artistas plásticos desenvolveron exclusivamente con técnicas cerámicas. Entre elas, atópanse as obras do artista e profesor da Facultade de Belas Artes Nono Bandera, un dos 37 seleccionados e seleccionadas para un evento centrado no traballo coa cerámica cunha “visión totalmente actual e contemporánea”, como sinalan desde a organización. Na feira participan 15 galerías nacionais e internacionais, que “exporán obras dos principais artistas contemporáneos que usan como medio de expresión a cerámica”, destacou a organización.
“A idea desta feira é mostrar a cerámica desde posicións disciplinares propias da arte contemporánea, desde a pintura, como é o meu caso, ou desde a escultura e a instalación”, salienta Bandera. De aí que ademais de incidir en que “participar nunha feira de arte contemporánea dá moita visibilidade ao teu traballo”, destaque tamén o interese que supón o formato deste evento, que reúne creacións de artistas que “achegan unha visión revitalizadora ao que tradicionalmente se entendía como un oficio artesanal”, mais que a súa vez constitúe unha disciplina que permite a “apertura a novas posibilidades expresivas” e que abrangue unha “variedade enorme de técnicas”, como lembra o tamén director do Departamento de Debuxo da UVigo.
Nesta feira, na que tamén se exhibirá o traballo da egresada da facultade Mar Ramón Soriano, poderán verse pezas que forman parte da serie Entre el caos y tus párpados, na que Bandera emprega o “tradicional azulexo” para compor “obras murais que se mostran como paneis cerámicos”. Como explica o artista e docente, esta serie inspírase nuns relatos de ficción do poeta dominicano Frank Báez, co que xa colaborara previamente. Os bocexos xurdidos da súa lectura remataron dando lugar a paneis de azulexos nos que emprega cores monocromas, “nun exercicio minimalista, traducindo cada imaxe a un sinxelo trazo de puntos, liñas e tramas”, apunta.