DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Permitirá a comunicación áxil e bidireccional entre apicultores e persoal técnico

O proxecto ApiConecta creará unha ferramenta dixital para xestionar a información das colmeas

Participa a UVigo, a Agrupación Apícola de Galicia e o consello regulador de Mel de Galicia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 23/10/2024

Baixo o título ApiConecta. Tecendo Conexións Dixitais para Fortalecer a Apicultura acaba de comezar a súa actividade un grupo operativo no que o sector apícola autonómico e a Universidade de Vigo traballarán na creación dunha ferramenta dixital que beneficiará á apicultura galega mediante a dixitalización da información recollida nas visitas ás colmeas e co establecemento dunha rede de comunicación áxil e bidireccional entre apicultores e persoal técnico.

O grupo operativo está formado pola Universidade de Vigo; a Agrupación Apícola de Galicia, asociación con preto de 1000 socios e 85.000 colmeas; o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, como organismo referente no sector, e apicultores. Concretamente, da UVigo participa desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense un equipo do Grupo de Investigación en Sistemas Agroambientais liderado por Mª del Carmen Seijo e formado por Olga Escuredo, M. Shantal Rodríguez e Ana Diéguez-Antón, e outro equipo da Escola Superior de Enxeñaría Informática, composto neste caso por Eva Lorenzo, Lourdes Borrajo, Adrián Seara e Pedro Celard.

O proxecto dá continuidade á dilatada traxectoria do grupo liderado por Carmen Seijo no desenvolvemento de proxectos de investigación destinados a promover a modernización do sector apícola e realizados en colaboración cos seus axentes. ApiConecta tivo a súa xuntanza de lanzamento este mes e desenvolverase ata 2026 financiado polas axudas da Consellaría do Medio Rural da Xunta de Galicia para proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan Estratéxico da PAC (PEPAC) 2023-2027.

Unha oportunidade para a modernización

Nun contexto no que a apicultura galega afronta grandes retos como o impacto da avespa asiática e o efecto do cambio climático, este proxecto proporciona segundo as súas entidades promotoras “unha oportunidade para a modernización do sector” incorporando sistemas de dixitalización da información e establecendo canles de comunicación para mellorar a xestión das explotacións apícolas. Así, detalla o equipo da UVigo, a dixitalización da apicultura ofrece grandes oportunidades para mellorar o traballo de apicultores e técnicos e a interrelación entre ambos, “conexión fundamental para aumentar a viabilidade das explotacións”.

Concretamente, ApiConecta proponse pór a disposición do sector apícola galego unha rede integrada ou comunidade informatizada formada por apicultores e técnicos, que actúe como punto central de comunicación e difusión para mellorar a viabilidade das colonias de abellas. En primeiro lugar, ao seu abeiro desenvolverase un sistema de comunicación interactivo entre o persoal técnico e apicultores baixo unha mesma canle de difusión de xeito bidireccional. “Permitirase unha comunicación máis áxil, unha resposta de máis calidade e o seguimento das accións levadas a cabo pero tamén a realización de alertas para previr situacións de risco (alimento, vespa velutina, várroa, resistencias ou secas)”, sinalan. A ferramenta creada permitirá aos apicultores recibir notificacións inmediatas sobre posibles ameazas ou enfermidades que afectan ás abellas, dando a oportunidade de tomar medidas preventivas ou correctivas de maneira oportuna e reducindo así as perdas.

En segundo lugar, en ApiConecta crearase un módulo de recoñecemento de voz que simplifique a recollida de información durante as visitas ás colmeas. “Cando se usan equipos de protección (traxes de apicultor), a toma de datos tanto escritos como informatizados é lenta e complicada”, comentan desde o proxecto. Un sistema de recollida de información por voz, engaden, “permitirá tomar datos das colmeas dun xeito doado, evitando riscos, xa que non será necesario deixar as mans ao descuberto”. Por último, deseñarase un repositorio de datos na nube que recolla e manteña accesible información sobre o estado das colmeas, poñendo a disposición do apicultor e do técnico ferramentas dixitais para “facer un seguimento, avaliar o estado das súas colmeas, tomar decisións e actuar”.

O proxecto, comentan por último as entidades promotoras, “mellorará a capacidade tecnolóxica e modernizará o sector apícola, facendo que as explotacións sexan máis sostibles, utilizando os recursos con maior eficiencia e favorecendo o traballo diario de apicultores e técnicos”.