DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Lucas Hermida presentou o proxecto que desenvolve no seu programa Generación Propósito

Talento emprendedor forxado na UVigo colle pulo ao abeiro da Fundación Princesa de Girona

Nun evento celebrado esta semana en Madrid ao que asistiu o rei Felipe VI

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Emprender
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 09/05/2024

Desde este luns e ata este xoves, Madrid acolle o peche do percorrido por diferentes cidades españolas da iniciativa da Fundación Princesa de Girona Tour del Talento 2024, con actividades dirixidas e protagonizadas polas novas xeracións. Entre os participantes estivo Lucas Hermida, beneficiario do programa de emprendemento da UVigo Incuvi. El foi o encargado de presentar neste foro, ao que asistiu o rei Felipe VI, o proxecto SerPueblo, que desenvolve ao abeiro desta fundación.

O emprendedor, que estudou o Grao de Enxeñaría Aeroespacial na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, foi un dos elixidos pola Fundación Princesa Girona para participar no seu programa Generación Propósito. Esta iniciativa xunta a 100 novos talentos de toda España para formalos en autoliderado e impacto social, sendo logo 50 deles escollidos para desenvolver nun campus presencial cinco iniciativas sociais. Entre estes elixidos, Lucas Hermida desenvolve xunto a outros catro compañeiros e compañeiras o proxecto SerPueblo, que, explica, “ten o obxectivo de empoderar as zonas rurais mediante a recuperación de servizos básicos (como sanidade, banca e xestión de documentos) mediante a implementación dun vehículo itinerante que se desprazará por estas zonas rurais”. Ademais, o estudante da UVigo é parte do Consello Asesor Xoven, órgano de goberno da citada fundación.

Desenvolvendo ideas

En Tour del Talento 2024 Lucas Hermida explica que “como parte do equipo de SerPueblo, encargueime, xunto coa miña compañeira Ana Castells, de facer a presentación do proxecto para xoves talentos da fundación, premiados e patróns”. Ademais, engade, como parte do Consello Asesor Xoven, saudou e presentou a súa iniciativa ao rei Felipe VI. Sobre a experiencia vivida neste evento, o emprendedor destaca que “sempre é un luxo poder compartir ideas e charlas con persoas premiadas da fundación, xa que son referentes de cambio social”. Ademais, engade, “ter a oportunidade de falar en público ante máis de 400 persoas foi marabilloso”. Pondo en valor o traballo que fai a Fundación Princesa de Girona “por impulsar á xente nova”, o enxeñeiro aeroespacial da UVigo apuntou que “sinto que este tipo de cousas son as que realmente te diferencian e achegan un valor diferencial ao teu curriculum”.

Lucas Hermida, xunto aos tamén graduados en Enxeñaría Aeroespacial Santiago Corrales, Pablo Queiro e Martín Gonalóns, ten desenvolvido o proxecto emprendedor Luxsit, que propón a creación de espectáculos de luces con drons como unha alternativa innovadora e respectuosa co medio ambiente aos tradicionais fogos artificiais. A súa proposta ten acadado  o apoio das axudas ao emprendemento da UVigo, primeiro, no arranque, do programa Incuvi Emprende, e posteriormente, na súa maduración, Incuvi Avanza. A súa idea ten sido ademais premiada en diferentes foros de emprendemento, como Inspiro, celebrado en Expoourense, ou en Pont Up Store.