Dirixida a estudantado de bacharelato, 4º da ESO e ciclos formativos de artes e deseño
Últimos días para inscribirse na I Olimpíada da Creatividade
Promovida polo Campus Crea, nela poden competir institutos de toda Galicia
Dar a coñecer o Campus Crea as titulacións que se insiren no proxecto de especialización ao estudantado de toda Galicia é o obxectivo da I Olimpíada da Creatividade, unha competición científica que pon o foco no uso da creatividade para xerar innovacións e que mantén aberta a súa inscrición ata o luns 20 de xaneiro. Un máximo de 20 equipos, integrados por catro alumnos e alumnas, poderán tomar parte nesta iniciativa do Campus Crea, dirixida a estudantes de bacharelato e de ciclos formativos de artes plásticas e deseño, abríndose tamén a súa participación ao alumnado de 4º da ESO.
Como recollen as bases desta competición, as inscricións deberán ser realizadas polos propios centros de ensino, que poderán participar cun máximo de dous grupos, remitindo o formulario de solucitude de participación ao coreo electrónico xes.crea@uvigo.gal antes das 14.00 horas do vindeiro luns 20. A que será a primeira olimpíada científica centrada na creatividade terá lugar na primavera de 2025 na Facultade de Comunicación, nunha xornada na que os diferentes equipos “recibirán un par de obxectos comúns e, ao combinalos, deberán propor un obxecto cunha fisonomía, estrutura e funcións novas e orixinais, ao que deberán dar unha función creativa”. As e os participantes deberán logo presentar os seus proxectos a un tribunal, responsable de decidir os cinco equipos finalistas, que optarán á vitoria final nunha segunda proba na que “recibirán, de xeito aleatorio, a proposta levada a cabo por outro grupo e terán que darlle continuidade ao proceso creativo” centrándose xa nun “eido concreto”, correspondente cunha das catro liñas de especialización do Campus Crea: deseño, arte, comunicación e educación. Os tres mellores proxectos serán premiados cunha serie de agasallos, como auriculares, cámaras ou altofalantes.