DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ourense acolleu estes xoves o seu tradicional concerto por estas datas

A Universidade celebra con música a chegada do Nadal

Coa participación da Orquesta Clásica de Vigo, o violonchelista Álvaro Lozano e os coros do campus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Ourense 13/12/2024

O Auditorio Municipal de Ourense acolleu este xoves pola noite o tradicional concerto co que a Universidade de Vigo dá a benvida ao Nadal. Correu a cargo da Orquesta Clásica de Vigo, estando como solista o violonchelista Álvaro Lozano, e contou coa colaboración dos coros infantil e adulto do campus de Ourense. Á actuación asistiron membros dos diferentes colectivos da comunidade universitaria e persoas alleas a ela, estando entre eles Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e as e os vicerreitores Francisco Javier Rodríguez Rajo, Susana Reboreda, Belén Rubio, Alfonso Lago e Natalia Caparrini.  

Da música clásica á música coral

A Orquesta Clásica de Vigo, decana de Galicia, é unha formación de música clásica que aposta pola innovación, os novos formatos e o traballo entre disciplinas, espazos e estilos. Nos seus 40 anos de historia, as obras interpretadas superan as 500, facendo sempre unha aposta pola diversidade na música, mesturando propostas actuais e obras consagradas. Neste Concerto de Nadal 2024 o protagonista do seu repertorio foi o compositor austríaco Franz Joseph Haydn (1732-1809). Así, interpretou, baixo a dirección de Manuel Martínez Álvarez-Nava, as pezas Abertura en Re maior, Hob. Ia:7; Concerto en Do maior, para violoncello e orquestra, Hob. VIIb:1 (Moderato, Adagio e Finale: allegro molto) e Divertimento en Re maior, Hob. II:22 (Presto, Minueto-Trío, Largo cantabile alla breve, Minueto-Trío e Finale: presto).

Como solista estivo o violonchelista Álvaro Lozano Cames, galardoado en diferentes certames e que desde 2023 estuda na Cátedra de Violoncello Aline Foriel-Destezet da Escola Superior de Música Reina Sofía. Como novidade nesta actuación participaron o Coro Universitario do Campus de Ourense (CUCO), dirixido por Ruth González, e o novo Coro Infantil do Campus de Ourense (Cuquiños), dirixido por Víctor Vicente Fernández. Eles uníronse cara o final do concerto para interpretar coa orquestra Adeste fideles e o himno universitario, Gaudeamus igitur.

O concerto estivo organizado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria da UVigo, destacando a súa vicerreitora, Susana Reboreda, que o obxectivo deste evento é conmemorar, a través da linguaxe universal da música, que a institución académica pecha un ano e dá a benvida a outro novo con “ilusión e confianza”.