O reitor e o conselleiro de Educación asinaron este mércores en Santiagos varios convenios
A UVigo recibirá da Xunta 8,8 millóns de euros para I+D+i e equipamento científico-técnico
A achega permitirá captar e reter talento, impulsar titulacións duais e mellorar laboratorios
A Universidade de Vigo recibirá por parte da Xunta de Galicia 8,8 millóns de euros para I+D+i e para equipamento científico-técnico. Así o avanzaron este mércores o reitor, Manuel Reigosa, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, nun acto no que a administración autonómica asinou tamén os correspondentes convenios coas universidades de Santiago de Compostela e da Coruña.
En total, estes convenios coas tres institucións académicas supoñen un investimento de máis de 28M€ para fortalecer a innovación e a investigación no Sistema Universitario de Galicia (SUG). Deles, a Universidade de Santiago de Compostela recibirá máis de 11,6M€ e a da Coruña máis de 7,6M€. Tal e como explicou o conselleiro, os acordos reflicten o compromiso da Xunta e das universidades públicas por consolidar un sistema máis eficiente e competitivo. “Ademais de apoiar a excelencia da Rede CIGUS de Centros de Investigación, estas novas dotacións económicas permitirán captar e reter talento investigador, impulsar as titulacións duais, mellorar os laboratorios e adquirir equipamento tecnolóxico de alta especialización”, afirmou.
Neste sentido, Román Rodríguez destacou que estes convenios “non só fortalecen as capacidades científicas das nosas universidades, senón que consolidan un modelo de colaboración clave para o futuro de Galicia como territorio innovador”. Así mesmo, lembrou que en 2025 as tres universidades recibirán unha achega récord de 538M€ por parte da Xunta, case un 5% máis, o que sitúa a Galicia a piques de ser a primeira comunidade en acadar o 1% do PIB en recursos públicos.
Acordo para accións estratéxicas de I+D+i
No acto de hoxe cada unha das universidades asinou dous convenios, un para accións estratéxicas de I+D+i e outro para equipamento científico-técnico. No que se refire ás accións estratéxicas, supoñen unha inxección adicional de 4,6 millóns de euros e, con este incremento, a dotación total destes convenios pasa de 14M€ a preto de 19M€, un 33% máis do inicialmente previsto, co obxectivo de intensificar a actividade investigadora e a produtividade científica.
No caso da Universidade de Vigo, concentrarase o investimento en afianzar obras singulares de apoio á investigación, intensificar o apoio aos seus centros de investigación, o desenvolvemento de accións de alto impacto en I+D+i, captación de talento e promoción da calidade da docencia.
Equipamento científico-técnico
O segundo convenio asinado compromete o Goberno galego a destinar 9,3M€ a un novo acordo de colaboración dirixido á modernización do equipamento científico e tecnolóxico das universidades galegas, así como ao reforzo dos recursos innovadores. Ademais, este pacto permitirá crear unha plataforma compartida para o intercambio de recursos científicos e técnicos entre os centros universitarios, favorecendo un uso máis eficiente e coordinado das infraestruturas dispoñibles.
O primeiro bloque do acordo céntrase no reforzo dos recursos innovadores destinados aos estudos de grao e mestrado a través da adquisición de equipamento científico e instrumentación avanzada, acondicionamento e dixitalización de espazos educativos, acceso a recursos dixitais e a conformación de plataformas de coñecemento e divulgación que permitan aos estudantes e docentes manterse á fronte do desenvolvemento tecnolóxico e adquirir as competencias necesarias a través dos seus estudos universitarios. Isto tradúcese no acceso a licenzas de software, recursos bibliográficos, plataformas de coñecemento, así como á adquisición de equipos informáticos, simuladores ou material de todo tipo para os laboratorios dos estudos de grao e máster. Inclúese, tamén, equipamento e infraestruturas con destino aos tres Campus de Especialización acreditados pola Xunta de Galicia, entre eles o Campus Auga de Ourense, que representarán un punto chave polo seu impacto no desenvolvemento das potencialidades económicas do seu entorno máis próximo.
O segundo bloque do acordo céntrase no fortalecemento das infraestruturas dos servizos centrais, así coma na consolidación do equipamento dos centros da Rede CIGUS, que agrupa os mellores centros de investigación universitaria de Galicia, coa finalidade de executar proxectos de investigación de calidade e maximizar o impacto das súas actividades. Os gastos subvencionables refírense a equipamento altamente especializado como sistemas purificadores de auga ultrapura ou de ácidos nucleicos, robots intelixentes, equipos de microcorte de alta precisión, unidades de magnetosusceptibilidade, de raios X ou de resonancia magnética, espectómetros de varios tipos, cabinas de seguridade biolóxica, sistemas láser de distintas características, antenas intelixentes ou equipos de mostraxe mariña, entre outros.
Ademais, o acordo inclúe a habilitación dun espazo na web da Rede CIGUS para facilitar compartir o equipamento científico-técnico con outros centros da Rede CIGUS, centros colaborativos ou centros tecnolóxicos, sen custo e baixo petición. Durante o período no que o material estea compartido, haberá un técnico a disposición para facilitar o uso do mesmo.