DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Comunicación acolle este congreso sobre WordPress do 20 ao 22 de setembro

A WordCamp Pontevedra reunirá na UVigo preto de 300 emprendedores e profesionais do desenvolvemento web

O evento mantén aberta a súa inscrición

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Pontevedra 16/09/2024

Entre o venres 20 e o domingo 22, a Facultade de Comunicación será novamente sede da WordCamp Pontevedra, un congreso centrado no xestor de software libre máis empregado para a creación de páxinas web, WordPress, e no que a organización prevé reunir preto de 300 persoas. Tanto profesionais do deseño e o desenvolvemento web, como emprendedores e emprendedoras, alumnado universitario e persoas interesadas en iniciarse no deseño web tomarán parte na quinta edición deste evento coordinado pola comunidade WordPress Pontevedra, que a UVigo acolle desde os seus inicios, ao abeiro dun convenio coa WordPress Foundation. No seu programa insírense máis dunha vintena de conferencias e talleres, que nesta edición porán o foco no emprendemento, así como un hackatón no que as e os participantes deseñarán conxuntamente as webs de tres organizacións sen ánimo de lucro.

A vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, a decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres, e a presidenta da comunidade WordPress Pontevedra, Sabela Muñiz, presentaron este luns a programación dun evento que mantén aberta a súa inscrición. Esta, como lembrou Lantarón, conta cun prezo reducido de 10 euros para o alumnado e de 25 ou 20, segundo a modalidade, para o público xeral. “Este congreso encaixa perfectamente co plan estratéxico da Universidade”, sinalou a vicerreitora, que incidiu tanto na aposta do evento pola sustentabilidade e pola solidariedade, a través do hackatón, como na importancia que outorga nesta edición ao emprendemento. “Na Universidade non só formamos profesionais, senón que fundamental axudalos a emprender nas súas ramas de coñecemento”, sinalou Lantarón, mentres que Torres puxo o foco na importancia que ten para a Facultade de Comunicación ser novamente sede “dunha cita de referencia no panorama de Pontevedra e de Galicia”, que ademais ten como eixe central unha “serie de ferramentas que son fundamentais” no eido da comunicación dixital. Nese senso, a decana lembrou a importancia desta iniciativa non só para complementar a formación do alumnado, futuras e futuros profesionais “da creación e a difusión de contidos no ámbito dixital”, senón tamén pola posibilidade que lles outorga para o “establecemento dunha rede contactos” con profesionais.

“Gústanos estar nun espazo onde se transmite coñecemento, porque ao final ese é tamén o obxectivo do noso grupo, compartir coñecementos e que todos os asistentes marchen cunha serie de ferramentas que poidan aplicar nos seus proxectos”, engadiu Muñiz, que lembrou que a WordCamp non é un evento limitado a persoas especialistas nesta plataforma, xa que reúne no seu programa “charlas de todos os niveis”.

Unha edición que centrada no emprendemento

Unha das novidades desta edición da WordCamp é que esta terá como eixe central o emprendemento, “porque pensamos que WordPress é unha ferramenta fundamental para calquera proxecto que queira ter unha presenza dixital e chegar a un público máis amplo”, sinalou Muñiz. Partindo desa idea, outra das novidades é a aposta por formatos “máis participativos”, de tal xeito que ás conferencias sumaranse tamén “consultorías e auditorías”, na que as e os asistentes poidan abordar con especialistas aspectos concretos dos seus proxectos.

Esta serie de actividades desenvolveranse ao longo do sábado 21, xornada na que terán lugar unha vintena de coloquios e talleres centrados en cuestións como comercio electrónico, optimización en motores de busca, marca e posicionamento, difusión de podcasts ou lanzamento de starupts no ecosistema WordPress.

Previamente, o venres 20 terá lugar o hackatón, que se verá precedido por un taller de iniciación a WordPress, impartido por Fernando Tellado, “un dos maiores referentes de WordPress de fala hispana”. Trátase de dúas actividades de carácter gratuíto, na que a inscrición é independente da asistencia a WordCamp e na que asistentes poderán colaborar no deseño das “webs de tres asociacións sen ánimo de lucro". Concretamente, os colectivos aos que se prestará este apoio nesta edición serán as asociacións Enredar para Actuar e Inner Wheel Vigo e o proxecto Voces ocultas, no que persoas con diversidade funcional desenvolven actividades escénicas e audiovisuais. 

Por outra banda, “como WordPress é unha ferramenta de código aberto, coa que calquera pode colaborar”, o evento completarase o domingo 22 co chamado Día da Comunidade, no que as e os participantes traballarán na mellora desta plataforma.