DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo reforza este programa coa concesión de axudas propias

1400 prazas en 56 universidades de toda España... a mobilidade nacional colle impulso cunha nova convocatoria Sicue

Pode solicitarse destino ata o 28 de febreiro e bolsas ata o 14 de marzo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 24/02/2025

Cando se fala de mobilidade universitaria non todo é Erasmus. Cada ano miles de estudantes de toda España optan por realizar os seus intercambios dentro do seu propio país, unha opción á que cada vez se suman máis universitarios e universitarias que buscan con esta experiencia enriquecerse tanto a nivel académico como persoal. Falamos do programa Sicue (Sistema de Intercambio entre Centros Universitarios Españois), que permite realizar estancias dun semestre ou de curso completo e cuxo prazo de solicitude para o vindeiro curso se manterá aberto ata este venres.

Na Universidade de Vigo ofértanse preto de 1400 prazas distribuídas nas 56 universidades de todo o Estado coas que a UVigo ten asinados acordos. Nesta liña salientar que este ano son máis dun cento os estudantes da institución académica viguesa que optaron por esta experiencia, mentres que se recibiron preto de 70, cifras moi similares ás do curso anterior (2023/2024) cando se enviaron 148 estudantes e se acolleron a 56.

Tal e como se explica na convocatoria, durante o intercambio a persoa beneficiaria mantén a condición de alumno/a da súa universidade de orixe, onde se terá que matricular e aboar, se procede, o importe da matrícula. En relación á universidade de destino terá matrícula de balde para as materias incluídas no acordo e gozará dos mesmos dereitos e servizos que o alumnado local. As materias cursadas e superadas na universidade de acollida teñen recoñecemento académico e incorpóranse directamente ao expediente do alumno ou alumna. Nas bases especifícanse os requisitos académicos que deben cumprirse e as condicións de intercambio, así como o procedemento de solicitude.

Axudas propias de entre 750 e 1500 euros por estudante

De cara a garantir a igualdade de oportunidades e asegurar que ningún alumno ou alumna quede excluído desta mobilidade por razóns económicas, a UVigo acaba de publicar unha nova convocatoria da súa liña de axudas complementarias específicas para este tipo de intercambios. A contía máxima de cada bolsa será de 1500 euros para as mobilidades de curso completo e de 750 euros para as dun só cuadrimestre, e o pagamento realizarase en dúas quendas: o 80% unha vez asinado o acordo académico e o 20% restante ao finalizar a mobilidade.

O prazo para solicitar unha destas axudas manterase aberto ata o 14 de marzo e para facelo cómpre estar matriculado na Universidade de Vigo no curso 2024/2025 en titulacións oficiais de grao, tanto en centros propios como en centros adscritos de titularidade pública que impartan titulacións non ofertadas en centros propios,  caso das  escolas de Enfermaría de Ourense, Pontevedra e Meixoeiro. Ademais,  debe terse solicitada praza na convocatoria de mobilidade Sicue para o curso académico 2025/2026. Nas bases da convocatoria poden consultarse o resto de requisitos.

Andalucía posiciónase como destino preferente

A falta de contar con datos definitivos deste curso, no 2023/2024 Andalucía foi un dos destinos favoritos do alumnado da UVigo que participou no programa Sicue. A universidade que acolleu máis mozas e mozos procedentes da UVigo foi Málaga, con 20, seguida de Granada, con 15. A continuación estaría a Universidad Complutense de Madrid, con 10, e xa logo, Sevilla, con 9.

En canto á mobilidade nacional entrante na UVigo, de novo volve ser Andalucía a principal comunidade de orixe: Granada, con 9, e Sevilla, con 8.