1060 en Vigo, 560 en Ourense e 540 en Pontevedra
2160 estudantes dos tres campus achegáronse á UVigo nas súas Xornadas de Benvida
Foi unha primeira toma de contacto co mundo universitario na que non faltou a música e os agasallos
Pouco a pouco a Universidade de Vigo vaille pondo rostro ás súas novas alumnas e alumnos. Tras pasar polos campus de Ourense e Pontevedra, este venres celebráronse no pavillón universitario de Vigo as Xornadas de Benvida, unha actividade á que está convidado todo o alumnado, pero pensada, sobre todo, para achegarlle as mozas e mozos que este ano se incorporan ás aulas universitarias información e asesoramento sobre os diferentes servizos que a institución académica pon á súa disposición nun ambiente festivo no que non faltan a música, as actividades lúdicas e os agasallos.
Este ano foron 2160 as alumnas e alumnos que pasaron polas xornadas: 1060 no campus de Vigo, 560 no de Ourense e 540 no de Pontevedra, unhas cifras moi ben valoradas desde a institución académica viguesa pola vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, quen acudiu ás tres edicións da xornada, onde puido coñecer de primeira man as primeiras impresións destes novos estudantes.
Se ben a maior parte das escolas e facultades organizan os seus propios actos de benvida, normalmente máis centrados na parte académica, no caso destas xornadas trátase dun acto moito máis lúdico no que o alumnado se achega aos diferentes servizos que a UVigo pon á súa disposición e que lle poden ser de grande utilidade, desde a Área de Benestar, Saúde e Deporte, onde poden acceder a toda a oferta deportiva universitaria, ata a Unidade de Igualdade, para asesoramento en cuestións de xénero, pasando polo Área de Normalización Lingüística, Emprego e Emprendemento, o Centro de Linguas ou a Biblioteca Universitaria., así como o Consello de Estudantes, as delegacións de alumnado ou as distintas asociacións postas en marcha polas alumnas e alumnos: UVigo Motorsport, UVigo SpaceLab, CES UVigo Solar…
“Eu decanteime por...”
Alba Otero, Clara Valverde e Alba Meijide acudiron xuntas ao pavillón. As tres se decidiron por estudar o Grao en Linguas Estranxeiras na Facultade de Filoloxía e Tradución. Tiñan claro que querían estudar algo relacionado cos idiomas e cando o pasado mes de xaneiro acudiron ás Xornadas de Orientación Universitaria esta titulación pareceulles a mellor opción. Procedentes do Valmiñor (Baiona e Gondomar) e de Mondariz, a posibilidade de contar con estes estudos tan preto dos seus domicilios acabounas de convencer. “Eu tiña pensado facer filoloxía, pero non acababa de decidirme por ningún idioma, pois gústanme varios, así que este grao pareceume o que máis se adecuaba a min”, explicou Otero. Ao seu carón, Meijide explica que, no seu caso, sempre lle gustou moito a lingua e a literatura inglesa “e tiña claro que a mellor opción era quedarme en Vigo”.
As viguesas Elisa González e Irea Piñeiro están matriculadas no Grao en Dereito. Acompañadas por Miguel González, novo alumno do Grao en Enxeñaría Mecánica, foron, pouco a pouco. visitando os diferentes postos. “Eu decanteime por Dereito pensando, sobre todo, nas súas saídas profesionais, que son moitas”, explicaba Piñeiro. No caso de González decantouse por Enxeñaría Mecánica “porque se me dan ben mates, física... e non me desgustan as saídas profesionais que ten, tanto no eido da automoción, como da construción ou a fabricación”. No caso da súa compañeira Elisa desde pequena sempre soñou con ser xuíza, “pero ao ir medrando fíxenme máis consciente da dureza desa oposición e agora gustaríame ser avogada penalista”.