Alumnado de Educación Social realiza carteis divulgativos con propostas de sostibilidade
450 consellos para coidar o medio ambiente no día a día
Abranguen desde redución do consumo ata o aforro enerxético
Que fas ti polo medio ambiente? 45 estudantes de segundo e terceiro curso do Grao de Educación Social, da Facultade de Educación e Traballo Social, responden a esta pregunta e a reto que supón nunha mostra que desde este mércores pódese no Edificio de Ferro do campus de Ourense. Nela, cada un deles e delas propón dez medidas que, aplicables no día a día, poden contribuír a facer un mundo máis sostible.
O profesor Ángel Dorrío, responsable da iniciativa, explicou que esta mostra enmarcouse dentro da materia de Educación Ambiental para o Desenvolvemento Sostible. Cada un dos seus alumnos e alumnas realizou e deseñou un cartel divulgativo e didáctico con dez consellos ambientais. Neles recóllense propostas que calquera persoa a nivel individual pode realizar e que teñen un impacto positivo no coidado do medio ambiente. A realización destes materiais permitiu a cada estudante sensibilizarse no eido ambiental, sensibilización que agora buscan trasladar tanto á comunidade universitaria como á cidadanía en xeral a través dos seus carteis.
Entre os moitos consellos recollidos polo alumnado están os de reducir o impacto do consumo, apostando por exemplo polos produtos locais, de tempada e ecolóxicos, e a xeración de residuos, con propostas como compra a granel e levar bolsas para a compra propias. O aforro de enerxía e auga, con medidas como ducharse en vez de bañarse, a separación de lixo na casa, a compostaxe, dar segunda vida a produtos que xa non se usan e a mobilidade, fomentando o uso da bicicleta e o transporte público e evitando o avión, son outros dos consellos lanzados.
Das aulas á sociedade
Na inauguración da mostra, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, salientou que a exposición constitúe “unha iniciativa moi acaída nos tempos nos que estamos” e tendo en conta as problemáticas ecolóxicas que afronta o planeta. Neste senso subliñou “a importancia fundamental da educación e o respecto”, neste caso ao medio ambiente, para atallar os grandes problemas da sociedade e acadar que “no futuro teñamos xeracións responsables co coidado do medio ambiente”.
Do mesmo xeito, Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, puxo en valor o traballo feito polo alumnado e o profesor responsable e subliñou “o efecto multiplicador” que ten levar a cabo este tipo de iniciativas desde o eido da educación. “Cada estudante que se sensibiliza e conciencia con este tipo de principios vainos levar a aqueles lugares onde actúe, sexa nas aulas ou en calquera tipo de entidade ou contexto”, afirmou o responsable académico. A exposición pode visitarse ata principios do curso académico 2024/2025 na primeira planta do Edificio de Ferro do campus.