Completarán o curso de Lingua, Cultura e Adaptación á Universidade que imparte do Centro de Linguas
80 estudantes de Asia, África e América formaranse en Vigo para entrar no sistema universitario español
Esta iniciativa de inmersión lingüística está impulsada en colaboración con Campus Spain
Como cada ano, a Universidade de Vigo volve colaborar con Campus Spain, unha iniciativa que naceu en 2017 para promocionar España como destino educativo e guiar a estudantes internacionais interesados en completar os seus estudos no país. Con este obxectivo, cada curso académico a institución viguesa recibe un numeroso grupo de mozos e mozas de todo o mundo interesados en aprender o idioma e a cultura para, dentro dun ano, poder matricularse nunha universidade española. Desta volta, a UVigo recibirá arredor de 80 persoas procedentes de diversos países de Asia, África e América que completarán o curso de Lingua, Cultura e Adaptación á Universidade que imparte o Centro de Linguas.
Boa parte destes mozos e mozas asistiron este luns a un acto oficial de recepción no que participaron a vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo Triviño, xunto co director da Área de Plurilingüismo, Óscar Ferreiro e o decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero. Na presentación estiveron presentes tamén Mercedes Álvarez, coordinadora académica e xefa de estudos do Centro de Linguas e Ángeles Tomé, coordinadora do programa LCA, que foron as encargadas de detallar como será a formación que recibirán nos próximos meses.
No acto participaron 56 estudantes, mentres que o resto, pendentes aínda de trámites e visados, iranse incorporando nas vindeiras semanas, ata chegar aos 80 previstos que cursarán o programa Lingua, Cultura e Adaptación á universidade no Centro de Linguas da Universidade de Vigo ata o vindeiro mes de xuño. Entre os que xa chegaron a maioría son asiáticos, destacando os 17 procedentes de Indonesia; 7 de Filipinas ou 8 de Malaisia. Outros 12 proceden de Emiratos Árabes Unidos; 3, de Tunisia; 3, dos EEUU e os 7 restantes de Exipto, Arabia Saudita, Líbano, Mauricio, India, Israel e Siria.
Benvidas e benvidos á UVigo
A vicerreitora de Internacionalización deulles a benvida á que será a súa casa durante os próximos meses. “Estamos moi contentos de tervos aquí, de que nos teñades elixido” e lembroulles que “estades en boas mans e ides cursar un excelente programa que vos dará a oportunidade de aprender unha lingua falada por 600 millóns de persoas no mundo”. Del Pozo animounos a aproveitar o tempo, a estudar e aprender, pero tamén a gozar de Galicia, das súas paisaxes e da súa cultura. Tamén lles aconsellou participar en todas as actividades que van organizar ao seu arredor, que lles serán de moita axuda para comprender a idiosincrasia do seu país de acollida. A vicerreitora tamén destacou o éxito de Campus Spain, unha iniciativa de inmersión lingüística que arrancou “con apenas cinco ou seis estudantes e agora temos unha salón cheo”, converténdose ao mesmo tempo nunha importante ferramenta de captación de alumando internacional, xa que aínda que unha parte importante destes estudantes escolle universidades de todo o Estado, arredor de 20 cada ano apostan por matricularse na UVigo para comezar a súa formación superior.
O director da Área de Plurilingüismo, Óscar Ferreiro, pola súa banda, incidiu en que a diversidade de procedencias deste grupo “enriquecerá a institución” e lembroulles que chegan a unha terra “cunha identidade cultural e lingüística pronunciada” na que cohabitan en harmonía galego e español, e esa coexistencia “fai de nós un exemplo de diversidade cultural e de abertura ao mundo”.
O decano da Facultade de Filoloxía e Tradución tamén lles deu a benvida e lembroulles que, tendo sido no pasado docente de español como lingua estranxeira, “sei o que iso supón, o que implica estar un ano fóra da casa, o reto de aprender un idioma e unha cultura novas e que, aínda que isto xera circunstancias moi positivas, outras ás veces non o son tanto”. Por todo iso, púxose á disposición do alumnado do curso para axudalos dende a FFT en todo o que precisen. Tras a súa intervención as Mercedes Álvarez Piñeiro, coordinadora académica e xefa de estudos do Centro de Linguas e Ángeles Tomé Rosales, coordinadora do programa LCA, xunto cos responsables de Campus Spain tamén lles deron a benvida e presentaron o profesorado do curso. De seguido saíron a coñecer o campus nun paseo pola contorna.
750 horas de docencia ata o mes de xullo
O programa de Lingua, Cultura e Adaptación á Universidade consta dun total de 750 horas, das cales 536 horas de clases regulares de lingua e cultura española e outras 214 horas de titorías, actividades complementarias, visitas académicas, excursións, talleres, etc. O obxectivo é que aprendan tanto o idioma como a cultura española, se familiaricen coa vida universitaria e coñezan as peculiaridades da xeografía, cultura e historia de Galicia. O alumnado distribuirase segundo os seus coñecemento previos e a formación artellarase arredor de clases teóricas e prácticas nas que se traballan contidos lingüísticos a través de tarefas comunicativas; traballos de campo con visitas a lugares emblemáticos nos que terán que realizar tarefas tales como entrevistas, investigación de datos, interacción con nativos, etc. e obradoiros a través dos cales afondarán na idiosincrasia da zona e que serán impartidos por expertos nesas áreas. Unha vez rematen a súa formación deben examinarse para acreditar o nivel acadado a través do certificado CertAcles de español.