DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun encontro con deputados de varios partidos e da súa asistencia ao pleno

O alumnado de Dirección e Xestión Pública amplía coñecementos no Parlamento de Galicia

Un grupo de estudantes participará en Chequia nun encontro sobre desenvolvemento rexional

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 09/04/2025

Ampliar os coñecementos do alumnado do Grao en Dirección e Xestión Pública sobre o funcionamento do sistema político autonómico e das súas principais institucións, así como sobre as relacións entre poder executivo e lexislativo. Isto foi o que permitiu a visita que unha trintena de estudantes das modalidades presencial e virtual desta titulación realizaron este mércores ao Parlamento de Galicia, onde mantiveron un encontro con deputados de varias das formacións con representación parlamentaria. Previamente, este grupo asistiu ao pleno de control ao executivo autonómico, no que foron saudados ao inicio da sesión polo presidente do Parlamento, Miguel Santalices. 

“Permítelles ver o funcionamento ao vivo do lexislativo e as súas relacións co executivo”, destaca o profesor Fernando Martínez, dunha actividade na que participaron tamén os docentes Bruno González, Óscar Briones e Ignacio Fernández e que, en primeiro termo, posibilitou o alumnado asistir “a un debate sobre políticas públicas”, centrado na sanidade. A continuación, este grupo de estudantes puido afondar tamén no día a día da cámara nun encontro cunha “delegación de deputados de distintas forzas políticas, que lles explicaron o funcionamento práctico do parlamento” e cos que puideron conversar sobre cuestións “como a vivenda, a transparencia institucional ou o sistema electoral”.

Sustentabilidade e desenvolvemento rexional

Máis aló desta actividade, un grupo de sete alumnas e alumnos de Dirección e Xestión Pública participan a vindeira semana nun encontro na República Checa, impulsado ao abeiro dun programa de mobilidade Erasmus+ e centrado na gobernanza e no desenvolvemento rexional. Trátase da segunda edición na que a UVigo toma parte nesta iniciativa impulsada pola Universidade de Pardubice, na que participan cada ano estudantes de diferentes países. Previamente, as e os seleccionados para este programa participan nun curso intensivo de carácter virtual, centrado, ao igual que o encontro que arrancará o vindeiro luns 14, nas conexións entre a innovación, a sustentabilidade e as políticas de desenvolvemento rexional. Nesta iniciativa participará tamén a profesora Sara Torres, responsable do módulo que abordará os actores do desenvolvemento rexional desde unha perspectiva de xénero.