No marco dun proxecto de aprendizaxe-servizo
Alumnado de Educación desenvolve propostas didácticas con novas linguaxes para fomentar o hábito lector
Este venres amosaron nunha feira as propostas realizadas
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu este venres a celebración da feira de peche do proxecto de aprendizaxe servizo Con-Tándem: Contos para a Colaboración Escola-Universidade. Neste proxecto, alumnado do centro deseñou e desenvolveu propostas didácticas con novas linguaxes para fomentar o hábito lector en escolares de Educación Infantil e Primaria.
Na feira, as persoas interesadas puideron achegarse a descubrir as propostas do alumnado universitario e coñecer espazos de experimentación con recursos coma a radio, o croma, a robótica educativa, as mesas de luz, as placas Makey e os paper circuits. Entre o público asistente estivo alumnado e profesorado de primeiro e segundo curso de Educación Primaria do CEIP Pluriligüe Manuel Sueiro de Ourense.
Este proxecto, un dos elixidos na convocatoria Aps da Universidade de Vigo, estivo coordinado polo persoal docente e investigador da Facultade de Educación e Traballo Social Carla Míguez, María Zabalza e Almudena Alonso, membros do grupo de investigación RITME (Reflexión, Innovación, Transferencia e Mellora Educativa) e do Departamento de Didáctica, Organización Escolar e Métodos de Investigación en Educación. A iniciativa, sinalan as súas responsables, xurdiu coa idea de contribuír a cubrir “a necesidade sentida polos centros educativos da contorna da Facultade de Educación e Traballo Social de promover o hábito lector nas crianzas”.
49 sesións en tres centros educativos
En total participaron 75 estudantes de primeiro curso do Grao de Educación Infantil e outros 70 de terceiro do Grao de Educación Primaria, implicándose as materias de Didáctica da Lingua e a Literatura; Novas Tecnoloxías Aplicadas á Educación Infantil e Deseño e Desenvolvemento do Currículo da Educación Infantil. Ao seu abeiro o alumnado universitario deseñou e desenvolveu en grupo propostas didácticas con novas linguaxes, como o audiovisual e a programación, pensadas para fomentar o hábito de lectura en escolares e contribuír así a “formar unha cidadanía crítica”.
Nos meses de novembro e decembro, o alumnado universitario participante levou a cabo as súas propostas didácticas en 49 sesións en tres centros educativos da contorna do campus de Ourense, concretamente o CEIP Curros Enríquez, o CEIP Manuel Sueiro e o CEIP Mestre Vide, abranguendo as etapas de Educación Primaria e Educación Infantil. Neste senso, quixeron agradecer e destacar “o compromiso do profesorado e direccións destes centros” que permitiu o desenvolvemento da iniciativa.
Desde a organización deste Aps poñen en valor igualmente a implicación e traballo do alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social participante. “O proxecto foi moi enriquecedor para todas as parte e así nolo fixeron chegar as mestras dos centros educativos e as nosas propias alumnas”, sinalan as coordinadoras. Entre as propostas didácticas deseñadas, indican por último, “hai propostas moi interesantes, que amosan un traballo de reflexión e cooperación coa titora da aula así como propostas de grande interese didáctico que sitúan ás crianzas no centro do proceso e integran as tecnoloxías con sentido pedagóxico”.