Nunha actividade realizada en colaboración coa comunidade de montes de Tameiga
O alumnado internacional celebra un 'día especial' plantando árbores
Participaron mozas e mozos de Ecuador, México, Italia, Colombia , Turquía...
Estudantes de diferentes países participaron este venres nunha actividade de concienciación ambiental que consistiu na plantación de árbores nos terreos da Comunidade de Montes de Tameiga en Mos, moi preto do campus de Vigo.
A actividade, organizada desde a Oficina de Relacións Internacionais e que contou coa participación da vicerreitora Maribel del Pozo, foi bautizada como Día Especial de Plantación de Árbores. Trátase dunha nova iniciativa coa que resaltar o compromiso coa sostibilidade e fortalecer a conexión entre o estudantado, a universidade e os concellos da contorna, “unha excelente oportunidade para axudar a confraternizar ao alumnado que participa en programas de mobilidade e, ao tempo, provocar un impacto positivo no medio ambiente”.
Chegados e chegadas desde países como Ecuador, México, Italia, Colombia e Turquía e de cidades como Sevilla e San Sebastián -estudantes de intercambio Sicue-, cada un dos participantes plantou a súa propia árbore, de xeito que a partir de agora estarán vinculados á UVigo a través dela.