DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O acto tivo lugar este martes en Ourense

O Campus Auga completa o seu modelo de gobernanza coa constitución dun Consello Reitor

Será o órgano de goberno deste proxecto de especialización acreditado pola Xunta

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 19/11/2024

O Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense arredor dos recursos hídricos e a alimentación, acaba de completar o seu modelo de gobernanza coa constitución este martes do seu Consello Reitor. Este paso prodúcese tras a súa acreditación en febreiro como campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia por parte da Xunta.

O Consello Reitor representa o órgano de goberno do Campus Auga. Actúa como garante do correcto funcionamento da súas actividade asumindo as funcións de dar conta das actuacións ao Consello de Goberno da Universidade de Vigo, de analizar a información que en relación ao Campus Auga transmiten os diversos centros e de atender os informes dos Comités Consultivos deste proxecto de especialización.

Está composto por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación; José Alberto Díez, secretario xeral de Universidades da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia; Roberto Ignacio Fernández, director do Campus Auga; un representante do Consello Social da Universidade de Vigo (Ramón Blanco, do Grupo Valtalia) e un representante do sector empresarial, neste caso procedente do Grupo Coren.

Asesorado por dous comités

Tras esta constitución, o modelo de gobernanza do Campus Auga organízase ao redor deste Consello Reitor e asesorado polos seus comités consultivos, que actúan como garantes do correcto cumprimento dos obxectivos e accións propostos para o desenvolvemento desta especialización. Concretamente, hai un Comité de Persoas Expertas, integrado por profesionais de recoñecido prestixio nos ámbitos científicos das temáticas da auga, e un Comité Socio-Empresarial, formado por asociacións empresariais, clústeres, administracións públicas e outras entidades da eurorrexión Galicia-norte de Portugal relacionadas coas liñas de especialización do Campus Auga.

A Dirección do Campus Auga actúa como secretaría deste Consello Reitor exercendo as tarefas de responsabilidade da coordinación e do funcionamento do Campus Auga. Para iso conta coa colaboración e apoio dun Comité de Dirección, que se encarga da toma e execución de decisións operativas estruturándose en catro áreas aliñadas cos ámbitos estratéxicos de actividade do Campus Auga: docencia, investigación, internacionalización e transferencia/emprendemento. Este comité está integrado polo director do Campus Auga, actuando como presidente, cinco vogais membros do persoal docente e investigador do campus de Ourense e o xestor da oficina técnica do Campus Auga, que actúa como secretario.