As distincións da Real Academia Galega de Ciencias foron entregadas no Día da Ciencia en Galicia
O catedrático Pedro Arias recolle a medalla Isidro Parga Pondal pola súa traxectoria no eido das ciencias técnicas
Recoñece o “brillante labor investigador” no campo das xeotecnoloxías, en particular xeointelixencia
Pedro Arias, catedrático de Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo e investigador do Cintecx, recibiu este martes a medalla Isidro Parga Pondal no eido das ciencias técnicas, no transcurso do acto de celebración do Día da Ciencia en Galicia. Esta distinción, que outorga a Real Academia Galega de Ciencias, recoñece o seu “brillante labor investigador, ao afondar nos aspectos científicos que presentan as xeotecnoloxías, en particular a xeointelixencia, campo que combina as técnicas e ferramentas relacionadas coa intelixencia artificial e a información xeoespacial”. A RAGC tamén valorou, á hora de outorgarlle esta medalla, que aplica métodos e solucións en tempo real, enfocados á toma de decisións fronte a problemas de relevancia no ámbito social, empresarial e tecnolóxico relacionados coa elaboración de cartografías, xeolocalización e xestión de xeodatos masivos.
No acto, celebrado no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, tamén se entregaron o resto de Medallas de Investigación de Galicia: a medalla Domingo García-Sabell Rivas da sección de Ciencias Económicas e Sociais, para o profesor Santiago Lago, recentemente incorporado á UCS dende a UVigo; a medalla Ángeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde, para Antonio Figueras, investigador do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC; a medalla Enrique Vidal Abascal da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, para Alberto Bugarín, do CiTIUS da USC; e a medalla Antonio Casares Rodríguez da sección de Química e Xeoloxía, que foi para Diego Peña, do CiQUS da USC.
Ao acto asistiron o presidente da RAGC, Juan Lema; o secretario xeral da Lingua; Valentín García; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, Belén Rubio; a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo, entre outras autoridades, así como familiares do matemático José Rodríguez, figura homenaxeada como Científico Galego do Ano coincidindo co bicentenario do seu falecemento. O encargado de poñer en valor esta figura senelleira da ciencia galega foi Francisco Díaz-Fierros, catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da USC e académico da Real Academia de Farmacia de Galicia, que ofreceu un relatorio titulado José Rodríguez González, o sabio de Bermés.