DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Consello Reitor nomeou como novo director adxunto a Pablo Cabanelas, docente da UVigo

O centro de investigación Ecobas incorpora 42 novos membros das tres universidades

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
  • Institucional
DUVI 17/01/2025

Ecobas, o Centro de Investigación Interuniversitario de Ciencias Sociais, amplía a súa masa crítica coa incorporación ao seu equipo investigador de 42 novos docentes das tres universidades públicas galegas. O comité asesor externo encargado do proceso emitiu informe positivo sobre os perfís de 20 persoas investigadoras da Universidade da Coruña, 14 da Universidade de Santiago de Compostela e 8 da Universidade de Vigo. Unha vez asinado o compromiso de adhesión ao centro, Ecobas quedará conformado por un equipo de 122 investigadoras e investigadores, acadando así unha maioría de representación de mulleres: 51,6% fronte ao 48.4% de homes. 

O resultado do proceso de adscrición de novos membros, aprobado polo Consello Reitor de Ecobas na súa reunión de inicio de ano, foi cualificado pola directora científica do centro, María Loureiro, como “altamente satisfactorio, non só pola cantidade, senón pola calidade dos perfís que recibimos”. Esta adscrición supón un incremento dun 52% de membros na cadro de persoal e fortalecerá de forma significativa a representación nas áreas de empresas (21 incorporacións) e de economía(14). 

A multidisciplinariedade de Ecobas, con representación nas distintas áreas das Ciencias Sociais, quedará tamén fortalecida coa suma de novas persoas expertas nos ámbitos do Dereito e a Administración Pública (5) e de Educación e Traballo Social (2).

As novas incorporacións achegarán tamén maior equilibrio na representación interuniversitaria, onde o maior volume de persoal seguirá a corresponder á Universidade de Vigo (43,4%), mentres a Universidade da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela quedan practicamente equiparadas (28,7% e 27,9%, respectivamente).

Relevo na dirección adxunta

No referente á estrutura de goberno, o Consello Reitor de Ecobas, ao que pertencen os reitores das tres universidades do SUG, aprobou o cese de Xavier Labandeira tras case dous anos como director adxunto, así como o nomeamento do investigador Pablo Cabanelas, con carácter oficial dende este luns, 13 de xaneiro. 

Investigador do equipo permanente de Ecobas dende 2022, Pablo Cabanelas é profesor titular do Departamento de Organización de Empresas e Márketing da Universidade de Vigo. Con dous sexenios de investigación recoñecidos por Aneca, actualmente é investigador principal do proxecto Farclimate, da Misión Clima da Unión Europea. Ademais, ten dirixido e participado en más de 20 contratos de transferencia da investigación con diferentes institucións rexionais, nacionais e europeas. Vicepresidente da Academia Europea de Dirección da Economía da Empresa (AEDEM) como responsable de investigación, Cabanelas tamén actúa como editor asociado de revistas científicas de prestixio internacional como Journal of Business and Industrial Marketing e European Research on Management and Business Economics. 

Presentación do Lab-Ecobas

Precisamente, este venres o centro de investigación interuniversitario presentou en Santiago o Lab-Ecobas, o seu laboratorio de transferencia de coñecemento.