O equipo regresa “tremendamente contento” e pensando xa en próximas edicións
CES-UVigo Solar alcanza o sexto posto na súa estrea en Mónaco
Competían na categoría solar con outros 13 equipos chegados de toda Europa
O equipo de CES-UVigo Solar alcanzou un destacado sexto posto na súa estrea na Mónaco Energy Boat Challenge, unha posición que “sabe a gloria” aos integrantes do equipo, para quen participar nesta prestixiosa competición era xa un auténtico soño. “Estamos tremendamente contentos, acadar a metade da táboa a primeira vez que participamos e facelo tendo en conta o nivel dos participantes fainos estar máis que satisfeitos”, explica o coordinador, Marcos Pardeiro, “orgulloso” do comportamento do Boeiro I, primeiro barco solar da Universidade de Vigo, nesta competición internacional.
Competían na categoría solar con outros 13 equipos chegados de toda Europa, moitos deles con moita experiencia nesta competición. “Inicialmente asustábamos un pouco o nivel dalgún dos outros equipos, pero ao ir meténdonos nas probas xa puidemos comprobar que o noso barco era moi bo e sempre quedabamos arredor do medio da táboa”, explica o líder do equipo nunha parada na viaxe de volta por estrada desde Mónaco ata Vigo, traxecto no que o Boeiro I, trimarán de seis metros de eslora e dous de manga, viaxa a bordo dun remolque creado ‘ex profeso’ para el.
Tras superar sen dificultade todas as inspeccións técnicas, o Boeiro participou nas diferentes probas programadas na competición (velocidade, resistencia, slalom...), destacando sobre todo en velocidade, onde na primeira parte da proba (traxecto de ida) logrou situarse en terceira posición. “Era unha regata de ida e volta e, na ida foinos moi ben, pero na volta quixemos aforrar enerxía para as seguintes probas e iso fíxonos perder moita velocidade e, consecuentemente, baixar na clasificación”, explica o responsable do equipo.
“Podemos chegar a facer un podio en un ou dous anos”
Os bos resultados acadados na súa estrea en Mónaco, tanto a nivel técnico como deportivo, fainos xa pensar en vindeiras edicións. “Temos un bo proxecto, cun pouco de empuxe que lle poñamos podemos chegar a facer un podio en un ou dous anos”, subliña Pardeiro, ao tempo que recalca que agora o máis importante será “seguir sumando apoios”.
En relación aos seus contrincantes desde o equipo vigués valoran, sobre todo, o nivel dos equipos dos Países Baixos, a onde pertence o equipo gañador: Sunflare Solar Team. Completaron o podio o equipo portugués Técnico Solar Boat e o polaco AGH Solar Boat.