DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dunha mostra que reivindica a diversidade lingüística existente no mundo

Ciencias da Educación e do Deporte busca rebater os falsos mitos sobre os idiomas no Día da Lingua Materna

Nunha actividade promovida pola Comisión PEA-Unesco da facultade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Lingua Galega
  • Académica
DUVI Pontevedra 21/02/2025

A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte súmase a este venres 21 de febreiro á conmemoración do Día Internacional da Lingua Materna cunha iniciativa que pon o foco na diversidade lingüística existente no planeta. Promovida pola Comisión PEA-Unesco do centro e o grupo de innovación docente MeReLing, trátase dunha mostra conformada por unha trintena de tarxetas con información do idioma materno de diferentes persoeiros dos ámbitos da cultura ou o deporte. O obxectivo desta “pequena instalación” é que o alumnado “descubra que hai moitas linguas no mundo”, así como tamén rebater “mitos e ideas preconcibidas” respecto dos idiomas, sinala o profesor Carlos Valcárcel, promotor xunto con Ana Acuña, Elvira Riveiro, Alicia Sentí e Begoña Paz dunha serie de actividades dirixidas a achegar o estudantado da facultade á conmemoración tanto deste Día da Lingua Materna, como do Día de Rosalía de Castro e do Ano Castelao. 

“Hai moitos famosos e famosas que vemos falando en inglés e, en realidade, a súa lingua materna é outra”, sinala Valcárcel, que incide en que “detrás do inglés internacional, no mundo existe moita diversidade lingüística”. Baixo o lema de A lingua que somos, estas tarxetas reúnen información sobre o número de falantes nativos que posúen trinta idiomas e os países nos que se transmiten como lingua materna, así como a familia lingüística á que pertencen e o alfabeto que empregan. Nesta selección, están presentes tanto aquelas que teñen un maior número de falantes nativos, como o chinés, o castelán ou o hindi, xunto con outras “moi minorizadas”, como o asturiano, o aragonés ou o éuscaro. En todos os casos, a información preséntase xunto coa transcrición nese idioma da frase A paz comeza cun sorriso, “que desde o punto de vista da tradución é sinxela de verificar”, e xunto á fotografía dun persoeiro ou persoeira. Así, esta mostra permite achegarse á realidade do islandés, idioma materno da cantante Björk, e do afrikaans, a lingua empregada na súa infancia pola actriz Charlize Theron; á vez que á situación do quiché, empregado pola Nobel da Paz Rigoberta Menchú, ou do suhaili, idioma natal da actriz Lupita Nyong´o.

Esta mostra poderá contemplarse ao longo da vindeira semana no vestíbulo da facultade e servirá tamén como punto de partida para diferentes actividades co alumnado. De feito, no expositor pode atoparse un código QR que permite acceder tanto ás tarxetas en formato dixital como a unha serie de actividades complementarias.

Actividades polo Día de Rosalía e o Ano Castelao

A esta actividade do Día da Lingua Materna súmase outra proposta con motivo do Ano Castelao, na que a Comisión PEA-Unesco convida o alumnado a elaborar unha tarxeta cunha frase extraída dunha das súas obras, “que resulte significativa para cada estudante e que poida transmitir unha mensaxe relevante”. A idea, explica Acuña, é que estas tarxetas poidan sumarse á exposición bibliográfica sobre Castelao que nestes días pode visitarse na biblioteca central do campus. Nela preséntanse un conxunto de obras literarias, artísticas, de pensamento e de viaxes do escritor e político, xunto cunha serie de traballos centrados na súa figura realizados polo alumnado de Belas Artes. 

Outra das actividades desta comisión busca sumarse á conmemoración, este domingo 23, do Día de Rosalía de Castro. Neste caso, proponse ao alumnado da facultade a elaboración dunha peza audiovisual de curta duración, na que dean lectura a un poema ou fragmento dun texto de Rosalía. Unha selección das pezas elaboradas proxectarase nos próximos días nas pantallas do centro e reunirase nun espazo web dedicado ao proxecto.

Ademais das actividades promovidas nesta facultade, a Vicerreitoría do campus de Pontevedra celebra tamén o Día de Rosalía de Castro o vindeiro luns 24, ás 20.30 horas na Casa das Campás. Aberto a toda a cidadanía, este acto conmemorativo contará cunha conferencia do xornalista e crítico musical Moncho Lemos e coa actuación de Beatriz Martínez (arpa), Diego Langarika (guitarra) e Marta Martínez (voz).