O XX Maratón de Zumba terá lugar na tarde do 28 de novembro no Pavillón Universitario
A cita co deporte solidario do campus chega á súa 20 edición
Dirixida a reunir alimentos para o comedor dos Pais Franciscanos
Promover a práctica de actividade física cunha actividade dirixida a persoas de todas as idades e apoiar iniciativas sociais, como o labor que desenvolven no comedor dos Pais Franciscanos. Estes son os dous obxectivos do Maratón Solidario de Zumba que a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo e a Vicerreitoría do campus de Pontevedra promoven cada ano nas datas previas ao Nadal e que o xoves 28 de novembro celebrará a súa vixésima edición. Trátase dunha iniciativa aberta a toda a cidadanía, que poderá achegarse entre as 19.00 e as 21.00 horas polo Pavillón Universitario e sumarse, o tempo que queiran, á realización dunha serie de coreografías que combinan os exercicios aeróbicos e os pasos de baile. Para iso só terán que achegar, a modo de inscrición, un quilo de alimentos non perecedoiros, que serán entregados a este comedor social.
Como explica Gustavo Loureiro, técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte, este maratón solidario constitúe xa unha cita fixa na programación deportiva do campus e, despois de centrarse no aeróbic nos seus inicios e de celebrar algún ano dúas edicións, desde hai máis dunha década trátase dunha xornada dedicada á práctica de zumba, que ten lugar nas semanas previas ao Nadal. A actividade, lembra, desenvolveuse sempre “cun mesmo obxectivo” e, alén de ter colaborado nalgunha ocasión con outras organizacións sociais, a maior parte das súas edicións tiveron como propósito contribuír o labor do comedor dos Pais Franciscanos. Con ese propósito, solicítase ás persoas participantes que acheguen cando menos un quilo de alimentos ao pavillón, onde un equipo de monitores e monitoras coordinado por Bruno Hermida encargarase de facerlles moverse e bailar ao longo de dúas horas. Novamente, este maratón solidario contará coa colaboración de Gadis e Coca-Cola, que achegarán bebida, froita e barriñas enerxéticas aos e ás asistentes.
Campionato de levantamento de peso
Outra das actividades que a Área de Benestar Saúde e Deporte promove no campus nas próximas semanas é o II Campionato de Powerlifting, unha competición de levantamento de peso xurdida o pasado ano, como lembra Loureiro, do “propio interese dos usuarios da sala de cardio-fitness”. Centrado nun deporte de forza consistente no levantamento de peso en tres exercicios (agachamento, press banca e peso morto), o torneo desenvolverase na tarde do xoves 5 de decembro. Neste caso, trátase dunha actividade dirixida a aqueles e aquelas que dispoñen dun Abono Muver, co que contan máis 200 persoas no presente curso.
Coa inscrición aberta ata que se completen as súas 30 prazas, trátase dunha competición na que cada competidor ou competidora disporá de tres intentos en cada un dos exercicios, dos que só se computará a mellor marca válida. O campionato contará cunha categoría masculina e outra feminina, en ambos casos baseadas no sistema GL Points, que determina unha puntuación final “en base ao peso corporal e ao peso levantado”, segundo recolle a convocatoria.