Segundo un proxecto do grupo de investigación HealthyFit e a Cruz Vermella de Lugo
A combinación de realidade virtual e actividade física mellora a capacidade funcional das persoas con dano cerebral adquirido
Os resultados recóllense nun artigo na revista ‘Journal Electronics’
Responsables do grupo de investigación HealthFit da Universidade de Vigo e da Cruz Vermella en Lugo presentaron este luns os resultados do proxecto TEVI-DCA, unha iniciativa pioneira que combinaba a realidade virtual inmersiva e a actividade física co obxectivo de mellorar as terapias físico-cognitivas en persoas con dano cerebral adquirido. Desenvolvido no Centro de Parálise e Dano Cerebral de Cruz Vermella en Castro, Ribeiras de Lea, os resultados deste proxecto recóllense nun artigo na revista científica Journal Electronics, no que os investigadores sinalan as melloras acadadas a través deste programa en ámbitos como a capacidade funcional ou a calidade de vida das e dos participantes.
Como explicaron os representantes deste grupo de investigación integrado no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, o estudo do que fai balance esta publicación contou con 14 participantes, que realizaron un programa de intervención de 19 semanas. Esta combinaba o uso dun cicloergómetro coa realización de exergames, videoxogos cunha compoñente física, a través duns lentes de realidade virtual, de tal xeito que o exercicio físico combinábase coa visualización de contornas virtuais adaptadas. Entre os resultados máis destacados deste programa atópase un aumento da capacidade funcional, con “avances significativos en forza muscular e autonomía”; un incremento na calidade de vida, grazas ás melloras rexistradas na avaliación centrada no benestar físico e mental e un “aumento da flexibilidade cognitiva”.
Estes resultados foron presentados polo catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José María Cancela, coordinador do grupo HealthyFit; o investigador Pablo Campo, profesor da Facultade de Fisioterapia Pablo Campo; a responsable de Innovación Social de Cruz Vermella en Galicia, Trini de Lorenzo; e a vicepresidenta desta organización en Lugo, Ana Linares.
Un traballo conxunto con futuro
Na comparecencia que tivo lugar na sede de Cruz Vermella en Lugo, as responsables desta organización destacaron que a publicación dos resultados deste estudo piloto "nunha revista científica internacional sitúan o proxecto TEVI-DCA como un referente no uso da tecnoloxía para rehabilitación neurolóxica”. Nesa mesma liña, incidiron na importancia da colaboración entre entidades académicas, científicas e sociais “para desenvolver solucións innovadoras que impacten diariamente na vida das persoas”.
Os representantes do grupo HealthyFit e Cruz Vermella sinalaron que continúan explorando novas aplicacións desta tecnoloxía, co obxectivo de ampliar o impacto do primeiro proxecto e mellorar a calidade de vida de persoas afectadas por dano cerebral adquirido. Causado por accidentes cerebrovasculares, traumatismos craneoencefálicos, tumores ou infeccións cerebrais, trátase dunha patoloxía que “xera secuelas que afectan profundamente as capacidades físicas, cognitivas e emocionais dos pacientes”, explican desde Cruz Vermella.
Nese senso, esta presentación serviu tamén para dar a coñecer o novo proxecto que os investigadores e investigadoras desenvolverán no Centro de Parálise e Dano Cerebral de Castro, Ribeiras de Lea. Baixo o nome de EITIC-DCA 2.0, este novo traballo dá continuidade ao primeiro ensaio clínico, sumando a un novo programa de exercicio físico, desta volta de alta intensidade, a abordaxe de aspectos de estimulación neurocognitiva.