Coa participación de deportistas, representantes institucionais e profesionais da psicoloxía
Un debate afonda nas diferentes formas nas que a violencia machista está presente no deporte
Unha das cuestións abordadas foi a importancia da súa detección
Concienciar tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía “da importancia que ten o fomento da igualdade no deporte para erradicar a violencia de xénero neste”. Este era, como sinalaba o seu coordinador, Iago López, o obxectivo central da mesa de debate que este martes promovían en Ciencias da Educación e do Deporte a Comisión PEA-Unesco desta facultade e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG). Con ese obxectivo, esta conversa buscou coñecer as experiencias de deportistas internacionais como a karateka Ruth Lorenzo e a piragüista Claudia Couto, así como pór o foco na importancia de detectar posibles casos de violencia machista, da man da coordinadora da Comisión Intersectorial de Psicoloxía Deporte do COPG, María del Carmen González, e afondar nas políticas públicas neste eido, da man de Anabel Gulías, concelleira responsable das áreas de Igualdade e Deporte no Concello de Pontevedra.
“O deporte non deixa de ser un reflexo da sociedade”, lembraba López Roel, que puña o foco en que, “aínda que non en maior medida que noutros sectores”, a violencia machista tamén está presente no ámbito deportivo. Neste punto, un dos propósitos desta mesa, promovida con motivo da conmemoración, este luns, do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, era pór o foco en “como afectan estas situacións psicoloxicamente na importancia de pedir axuda”, como sinala este investigador. Neste punto, Carmen González centrou a súa intervención na importancia de ter presente “o difícil que pode ser” para as propias afectadas ser conscientes de que están a sufrir violencia machista, “porque as cousas non empezan dunha maneira explícita e xorden normalmente de persoas coas que tes un vínculo, que xera emocións contraditorias”. De aí que a representante do COPG puxese o foco en que “o que vainos axudar a identificalo é o noso propio corpo”, xa que situacións como “non ter ganas de facer cousas que antes che gustaban, non ser capaz de durmir ou de comer” poden ser síntomas de situacións que "poden pasarnos a calquera”. A partir de aí, a mesa sumou tamén as visións como deportistas de Claudia Couto, campioa do mundo sub23, quen recoñecía o piragüismo “como un deporte moi equilibrado, no que nunca me sentín discriminada”, e de Ruth Lorenzo, na súa dobre condición de karateka e de adestradora. Previamente, Gulías puxera o foco no labor que neste eido poden xogar as administracións públicas, subliñando que “o feminismo é a única alternativa para traballar na igualdade desde todos os ámbitos”, tendo en conta ademais que o deporte é “unha área moi masculinizada”.