DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis dun cento de estudantes fórmanse nos talleres que abren a programación de Debut 2024

Unha decena de obradoiros dan inicio a unha semana centrada na moda

Abranguen temáticas que van da cestaría e o bordado á investigación sobre téxtil

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 18/11/2024

Máis aló do desfile no que se presentarán as 14 coleccións desenvolvidas como traballos finais no Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, a programación de Debut está conformada por un conxunto de iniciativas “centradas na formación complementaria do alumnado e en facer visible o traballo do estudantado”, como sinala Lola Dopico, coordinadora deste mestrado da Facultade de Deseño. Con ese obxectivo, este luns daba inicio unha semana de actividades centradas no mundo da moda, na que se insiren unha decena de talleres e seminarios nos que participan máis de 120 alumnos e alumnas de grao e posgrao desta facultade. A estes sumaranse nos próximos días as conferencias da deseñadora de vestiario Binda Daileger e do xestor de proxectos de Loewe Enrique de Santiago, unhas xornadas profesionais para os novos titulados e tituladas e a exposición no Pazo da Cultura das coleccións que previamente protagonizarán o desfile que terá lugar na noite do venres 22.

Unha das novidades de Debut 2024, que conmemora os 20 anos de traxectoria dos estudos de moda na Universidade de Vigo, é a participación do alumnado dos dous cursos xa implantados do Grao en Deseño na preparación de elementos para a escenografía do desfile. Isto motiva que este programa formativo botase a andar xa en outubro co Obradoiro de Acción Gráfica, impartido polo artista plástico Eduardo Outeiro. “A idea é que Debut sexa unha semana para desenvolver todo este tipo de actividades e facelas extensivas a estudantes de todos os cursos”, subliña Dopico, que sinala que o obxectivo é que, coa posta en marcha de novos cursos, Debut se consolide “como unha cita importante dentro do calendario da facultade e, co tempo, poidamos ver medrar moitas cousas arredor desta cita”. 

Cestaría, bordado ou debuxo

Impulsado co apoio da Fundación Artesanía de Galicia, da Xunta de Galicia, un dos obradoiros que botou a andar este luns leva o alumnado a explorar diferentes técnicas de cestaría contemporánea, aplicadas á creación de complementos. Fano da man de Belén Martínez, fundadora da firma Casa Atlántica, que no seu traballo como deseñadora e artesá ten colaborado con Loewe ou o Museo Thyssen- Bornemisza. Na mañá deste luns comezou tamén o taller de introdución ao bordado no deseño téxtil, no que Marta Lloria achega o alumnado á técnica do patchwork. Tamén nas xornadas de luns e martes desenvólvese un obradoiro de creación téxtil, que permite ao alumnado iniciarse na técnica do feltrado húmido, da man da egresada Wêdyla Rodrigues, que na anterior edición de Debut lograba co seu TFM o premio de Artesanía de Galicia á colección con maior valor artesanal. Así mesmo, este luns arrancaba en Deseño un obradoiro impartido polo artista plástico Norberto Olmedo, dirixido a achegar ao estudantado as posibilidades do debuxo para transmitir emocións, ideas e perspectivas.

A estas iniciativas súmase o mércores un taller de retoque fotográfico impartido por Noelia López, unha profesional que traballou para empresas Carolina Herrera, Purificación García ou Inditex. Ao día seguinte, a egresada en Esdemga Aura Aburto, que traballa como deseñadora para Bimba y Lola, será a responsable dun obradoiro de introdución á ilustración de moda. Tamén o xoves, Fabrizio Bencherucci, docente da escola Polimoda, de Florencia, e consultor técnico comercial do Gruppo Tessile Bellandi, impartirá o Obradoiro de Investigación Téxtil Eficiente, que permitirá afondar na transformación de fibras en tecidos e coñecer boas prácticas en materia de sustentabilidade téxtil. Tamén nesta xornada, a sede da Vicerreitoría acollerá a última sesión dun taller de modelado e impresión 3D, impartido por Xosé Manuel Rodríguez, e este programa formativo completarase o venres cun seminario sobre a posta en escena da colección de moda, a cargo de Heriberto Otero. 

Conferencias, desfile e exposición

Na programación de Debut insírese tamén a conferencia que o mércores 20 impartirá en Belas Artes, coa colaboración dos Premios Feroz, Bina Daileger, unha profesional cunha ampla traxectoria na industria cinematográfica, que foi candidata ao Oscar ao mellor deseño de vestiario por Mulan. Ao día seguinte, Deseño acollerá un relatorio de Enrique de Santiago, xestor de proxectos de Loewe, e nesa xornada terán lugar tamén as Xornadas Profesionais, nas que os novos titulados e tituladas manteñen as súas primeiras entrevistas de traballo con diferentes firmas. 

Finalmente, o venres 22, ás 20.00 horas, terá lugar o desfile no Pazo da Cultura, que conta cun prezo de entrada de 5 euros. Doce das coleccións que optarán aos premios outorgados por Bimba y Lola e a Fundación Artesanía de Galicia poderán verse nas xornadas de sábado e domingo na sala de exposicións do pazo, nunha mostra que contará coa participación das súas autoras e autores e que é outra das novidades desta edición.