Cunha conferencia do conselleiro da Área de Corporacións Locais Simón Rego
Dirección e Xestión Pública abre a programación do seu 25 aniversario achegándose ás funcións do Consello de Contas
Como “un dos grandes descoñecidos do mapa institucional galego” presentaba este mércores o Consello de Contas de Galicia Simón Rego, conselleiro da Área de Corporacións Locais e presidente da Sección de Fiscalización do Consello de Contas de Galicia. Facíao nunha conferencia que buscaba dar a coñecer as diferentes funcións deste órgano de fiscalización das entidades públicas ao alumnado da Facultade de Dirección e Xestión Pública. Tratábase ademais na primeira das actividades que o centro promoverá ao longo deste curso con motivo do 25 aniversario da creación destes estudos na UVigo. Concretamente, á posta en marcha no curso 1999/2000 da diplomatura en Xestión e Administración Pública, como lembrou o decano, Enrique Varela, na apertura dunha conferencia que, explicou, verase sucedida por un conxunto de actividades que se presentarán proximamente.
Xestión pública: das historias inventadas ás evidencias. O control externo independente en tempos de incerteza era o título dun relatorio no que Rego puxo o foco nos diferentes ámbitos de actuación desta institución, máis aló do seu papel de “vixilante”, encargado de comprobar “a legalidade e regularidade formal” da actividade económica e financeira do sector público autonómico. Concretamente, o conselleiro puxo de relevo o papel desta institución na “avaliación dos programas de intervención pública”, co propósito de analizar se determinados investimentos públicos, alén de ter sido executados conforme ao procedemento, tiveron como punto de partida “xustificacións que se soportan en datos”. Isto levouno a pór de relevo a importancia das evidencias para unha mellor eficiencia do gasto público, fronte “ás intuicións”, ás historias inventadas ás que facía referencia no título da conferencia. Como explicou Rego, o Consello de Contas leva a cabo “escenarios contrafactuais”, análises que permiten coñecer o impacto que poderían ter xerado determinados programas noutros escenarios, o que permite á súa vez proporcionar recomendacións de mellora ás institucións e entidades.
“Ademais da legalidade e da regularidade formal, falamos de economía, de eficacia, de eficiencia e de sostibilidade económica, pero tamén social e ambiental, desde o punto de vista do gasto e do ingreso público”, subliñou o conselleiro de Contas, que afondou tamén noutras funcións desta institución, como a prevención da fraude e o fomento da integridade no sector público.