Os reitores da UVigo e da UNAD presidiron o acto virtual de sinatura deste acordo
Dirección e Xestión Pública dótase dun convenio de dobre titulación coa principal universidade a distancia de Colombia
Permitirá obter tanto este grao como o programa de Ciencia Política da institución colombiana
A Universidade de Vigo e a Universidad Nacional Abierta y a Distancia (UNAD) de Colombia asinaron este luns, nun acto virtual, un convenio interinstitucional para o recoñecemento mutuo de créditos. Este permitirá ao alumnado das dúas institucións obter a dobre titulación de graduado ou graduada en Dirección e Xestión Pública pola UVigo e de titulado ou titulada no Programa de Ciencia Política da UNAD, tras cursar un mínimo de 60 créditos ETCS na universidade de destino. Con presenza en todo o territorio colombiano e centrada no ensino a distancia, a UNAD é a universidade con maior número de estudantes de Colombia, preto de 250.000, e o asinado nesta xornada coa UVigo é o primeiro convenio de dobre titulación que establece cunha universidade española.
Os reitores da UVigo, Manuel Reigosa, e UNAD, Jaime Alberto Leal, presidiron o acto virtual de sinatura dun convenio que permitirá inicialmente a cinco estudantes de cada institución ampliar a súa formación na universidade de destino. Farano ademais, de xeito virtual, dado que ao carácter non presencial da UNAD súmase que Dirección e Xestión Pública é o único grao do sistema universitario galego que conta cunha modalidade virtual. Como un feito “moi positivo para a internacionalización da nosa universidade, que seguramente é a materia pendente que temos”, definiu Reigosa un acordo que permite ademais traballar “cunha universidade de prestixio e recoñecida en todo o ámbito internacional” como a UNAD. Nesa mesma liña, Leal resaltou a importancia para a institución colombiana de asinar este acordo cunha “institución tan prestixiosa e ten recoñecida en todo o territorio latinoamericano” como a UVigo, nun acto no que participaron os vicerreitores de internacionalización de ambas institucións, Maribel del Pozo e Leonardo Evemeleth Sánchez; o decano da Facultade de Dirección e Xestión Pública, Enrique Varela; a responsable da UNAD en Europa, Ana María Alonso, e o responsable da Fundación Ortega-Marañón, Antonio Fernández Poyato.
Cando menos un curso na universidade de destino
Segundo recolle o convenio, para participar neste programa de recoñecemento mutuo de estudos, o alumnado deberá ter superado os dous primeiros cursos na súa universidade de orixe. A partir de aí, “deberá realizar un mínimo dun curso académico de intercambio presencial ou virtual” e superar 60 créditos ETCS, no caso da UVigo, ou 40 créditos de aula presencial ou a distancia, no da UNAD. Os seleccionados e seleccionadas terán así mesmo a opción de concluír a carreira na universidade de destino, o que levaraos a realizar nela dous semestres máis, así como un traballo de fin de grao (TFG) ou de conclusión, que será válido para as dúas universidades e que deberá ser un estudo “en perspectiva comparada Colombia-Europa”.
Cada ano académico, o persoal responsable de relacións internacionais das dúas institucións “informarase mutuamente dos fluxos de estudantes previstos”, establecéndose no convenio que, por curso, poidan acollerse a este programa de recoñecemento mutuo cinco alumnos e alumnas de cada universidade, seleccionados, entre outras variables, polos seus resultados académicos.
O primeiro paso nunha liña de colaboración
Neste encontro virtual, os dous reitores expresaron tamén a súa vontade de que este convenio fose “o primeiro de moitos”, e de explorar “múltiples posibilidades de formación de estudantes dos dous lados do Atlántico”, como apuntou Leal. “Este é o principio dunha relación moi frutífera”, engadiu nesa mesma liña a vicerreitora de Internacionalización da UVigo, que hai unhas semanas abordaba este acordo en Colombia, nunha reunión cos responsables da UNAD, unha institución que “impresionounos polo nivel académico e de internacionalización” e coa que existen “moítismas posibilidades de colaboración”. Maribel del Pozo explicou tamén que o convenio recolle que ao programa poderán acollerse cinco estudantes de cada universidade, partindo dun “principio de reciprocidade”, xa que o obxectivo é tratar de acadar un número similar de participantes nas dúas universidades, abrindo tamén a posibilidade de valorar a súa ampliación nun futuro. Por outra banda, tanto Varela como Alonso lembraron que este acordo é o resultado de “dous anos de traballo” e que o seguinte paso será a posta en marcha dunha comisión con representantes das dúas institucións, coa idea de poder contar o vindeiro curso cos primeiros grupos de alumnado participante.