DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Catro partidos creados polo alumnado xogábanse nestes comicios parte da súa nota nunha materia

‘Donde quiero estudiar’ gaña as eleccións ficticias da Facultade de Comunicación

138 persoas participaron na votación 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 03/05/2024

Tras a pegada de carteis, os mitins, un debate e a organización dun conxunto de actividades para captar o voto, que abrangueron desde concursos e sorteos ata o reparto de comida, a Facultade de Comunicación puña peche este xoves a unha particular contenda electoral. Catro partidos creados polo alumnado concorrían a uns comicios que determinaban unha parte da súa nota na parte práctica da materia Técnicas de comunicación electoral e institucional, do Grao en Publicidade e Relacións Públicas. Promovida polo profesor Xosé Rúas, o obxectivo desta iniciativa era que o alumnado puxese en práctica os coñecementos adquiridos nas aulas sobre estratexias e campañas electorais, nunha sorte de xogo de rol ao que puña o peche unha votación aberta a estudantado, profesorado e persoal do centro, coa excepción do propio alumnado participante na campaña.

Nesta votación participaron un total de 138 persoas, proclamándose vencedor destas eleccións ao partido Donde quiero estudiar, que apostou por levar a cabo unha serie de actividades ás portas do centro, coa idea de pór o foco en que “a facultade non é só o edificio, senón tamén todo o que hai fóra”, como sinalaba a súa candidata, Uxía De La Campa. Esta formación sumou 45 votos, catro máis que o partido P*tos Publicistas, que tiña como candidata á estudante Alba Brandín e que articulou a súa campaña cun conxunto de referencias irónicas á corrupción. En terceiro lugar, con 28 votos, rematou FCom 2000, un partido inspirado na estética de inicios do século XXI, que tiña como candidata a Noela Sanjurjo. Por último, 23 foron os apoios outorgados a Resacón en la FCom, que tiña como eixe de campaña “reivindicar Pontevedra como cidade universitaria”, como apuntaba o seu candidato, Mario Otero.