DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As creacións da egresada Andrea Rodríguez foron seleccionadas para o Showroom Allianz Ego

Dun proxecto académico a unha firma que se proxecta na Fashion Week Madrid

Cunha proposta xurdida do seu traballo final no Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 13/09/2024

O pasado mes de novembro, Andrea Rodríguez presentaba a súa colección Me lo pido en Debut, o desfile no que os novos egresados e egresadas do mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda amosan os proxectos que desenvolveron como traballo de fin de máster. Parte desta colección e novas pezas que continúan esa liña de traballo poden verse nestes días na 80 edición da Mercedes-Benz Fashion Week Madrid, despois de que Rodríguez Eiras fose unha das quince deseñadoras seleccionadas para participar no Showroom Allianz Ego, o espazo destinado a marcas emerxentes da pasarela madrileña.

Concretamente, Rodríguez Eiras estrea na pasarela madrileña a súa marca RDRS, xurdida do seu proxecto de fin de máster. “A marca naceu desta colección e segue a mesma liña conceptual, artística e téxtil”, sinala esta egresada, que desenvolveu como traballo final para este mestrado da Facultade de Deseño unha colección na que buscaba recrear “un universo infantil” a partir de pezas cheas de cor, texturas e estampados. “O que expoño aquí, na Allianz Ego é parte da colección de Debut e outras pezas que fixen despois e que van na mesma liña, evocando o infantil”, sinala a deseñadora, que comezou xa “a experimentar con diferentes téxtiles, técnicas e materiais” na súa etapa como alumna da Facultade de Belas Artes. “A partir de aí, matriculeime no mestrado e seguín con isto ata a presentación da colección de fin de máster en Debut”, lembra esta egresada, que desde este xoves exhibe na Fashion Week parte dunha colección na que propuña "unha revisión dos obxectos e a súa función, ensamblando e experimentando con varios materiais ata chegar a unha colaxe táctil e visual que evoca o xogo". Ao mesmo, a estas "pezas máis artísticas", nacidas cmo traballo académico, suma outras propostas que "expanden" este universo “a nivel custom e de vestir”, posto que o showroom é un espazo no que non só pode exhibir o seu traballo, senón tamén pór á venda as súas creacións. 

Unha oportunidade para dar visibilidade ao seu proxecto

Xunto os outros 14 deseñadores e deseñadoras seleccionados para este showroom, Rodríguez opta ao premio Allianz Ego Confidence Fashion, que se entregará este domingo no marco da xornada que a Fashion Week Madrid dedica o talento emerxente. Non obstante, esta deseñada incide no propio éxito que supón ter sido unha das seleccionadas e amósase “moi feliz” de poder amosar o seu trabalo “a diferentes marcas, deseñadoras e persoas do mundo da moda”. 

“Loxicamente, supón un orgullo, despois de tanto traballo e de tanto tempo”, sinala esta egresada, que actualmente centra o seu labor profesional como deseñadora no desenvolvemento de produtos. Nese senso, Rodríguez Veiras ve súa a participación na principal pasarela de España, que ata o vindeiro luns se desenvolve en Ifema, como unha oportunidade de abrir “ás portas á xente ao meu universo creativo”. Neste punto, lembra que comparte espazo “con deseñadores que levan moitos anos vindo ao showroom” e incide no positivo de “poder ser partícipe disto e dialogar” con outros novos talentos “que pasaron os mesmos procesos ca min, de traballo e perseveranza”. Nese senso, o obxectivo co que acude por primeira vez a este evento é tratar de dar “visibilidade á miña marca” e que diferentes profesionais da moda poidan interesarse polo seu traballo, estilo e experimentacións, de tal xeito que desta experiencia poida xurdir a oportunidade “de traballar con revistas, deseñadores ou multimarcas e poder crecer coa miña propia marca en diferentes sectores”.