DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o último informe do Foro Económico de Galicia

A economía galega acelera o seu dinamismo

No documento destácase tamén que o balance positivo do mercado de traballo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 03/07/2024

O Foro Económico de Galicia, entidade coordinada desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou esta mañá o Informe de Conxuntura Socieconómica referido ao primeiro trimestre de 2024. Nel, os seus expertos destacan que a economía galega acelera o seu dinamismo.

O documento foi presentado na sede de Afundación polos seus autores, os economistas Patricio Sánchez e Santiago Lago, ambos da Universidade de Vigo; e José Francisco Armesto e Fernando González Laxe, coordinador este último do traballo. Segundo indican en nota de prensa desde o citado foro, a diferenza do que acontece na meirande parte dos países da contorna, a economía galega acelera de xeito significativo o seu dinamismo no primeiro trimestre do ano ao presentar unha medra intertrimestral do 1,3%, seis décimas por riba da media española e un punto superior á do conxunto de países da zona euro. En termos anuais, indican, o PIB medra en Galicia un 2%, catro décimas inferior á media estatal, sendo esta porcentaxe novamente superior á estimada para o conxunto da Unión Europea (0,5%).

Crecemento “equilibrado” do PIB real

No informe saliéntase que este crecemento “equilibrado” do PIB real está baseado nunha achega positiva da demanda externa de 1,1 punto fronte ás nove décimas da demanda interna, ao contrario do que acontece na economía española, onde o PIB medra polo incremento de dous puntos na demanda interna fronte a só dúas décimas na demanda externa. Entre os motivos que xustifican este comportamento salientan a debilidade do consumo privado, cunha medra interanual do 0,4% fronte ao 2,4% estimado en España; así como a contracción do investimento, que se reduce un 1,3% en Galicia fronte á medra interanual do 1,8% en España. No concernente á demanda externa, ralentízase o incremento das vendas fóra de Galicia. Dende o punto de vista da oferta, os economistas apuntan que a economía galega presenta unha acusada contracción no sector primario, cunha redución do 4,6%, fronte á medra do 0,4% no estado. A industria no seu conxunto, impulsada polo sector enerxético e a industria extractiva, é o sector máis dinámico en Galicia (3,2%), se ben salientan a “preocupante evolución da industria manufactureira cuxo valor engadido bruto (veb) medra un 0,6% (3,3% en España)”.

Mercado laboral

Polo que respecta ao mercado de traballo galego, o informe recolle que presenta un balance positivo. Así, detallan os expertos, volve a mellorar a participación das persoas no mercado laboral e na ocupación, reducíndose tanto a taxa de desemprego como a taxa da temporalidade, “que pode ser un indicador da mellora da calidade de emprego”. Os catro indicadores da ocupación, engaden, presentan tamén unha mellor evolución que no ano anterior. A poboación ocupada aumenta en Galicia un 2,2% fronte ao 1,9% das afiliacións rexistradas, en tanto que as contas económicas amosan unha medra do 1,7% dos postos de traballo equivalente a tempo completo e do 1,5% no caso das horas traballadas. “Con todo, estes datos teñen de ser matizados novamente tendo en conta que Galicia mantense entre as comunidades autónomas con menores taxas de actividade e ocupación, e que rexistra un menor dinamismo na creación de emprego que o conxunto do estado”, sinalan desde o Foro Económico de Galicia. No que ao perfil do emprego creado reflectido pola EPA se refire, o emprego feminino, recolle o documento, presenta esta vez un maior dinamismo. Malia isto, engaden, “as taxas de paro reflicten que este segue a afectar en maior medida ás mulleres, persoas menores de 25 anos, estranxeiros e con estudios primarios”.