Promovidas pola Sociedade Galega de Historia Forestal, coa colaboración da UVigo
A EE Forestal acolle este sábado as VII Xornadas de Patrimonio Natural e Biodiversidade
Con entrada gratuíta e inscrición previa, o seu programa abrangue nove conferencias
Afondar en diferentes problemáticas ambientais e coñecer unha serie de iniciativas en materia de recuperación e preservación de ecosistemas e especies protexidas son dous dos propósitos das Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade, que este sábado 23 desenvolverán a súa sétima edición na Escola de Enxeñaría Forestal. Promovidas pola Delegación de Pontevedra da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), coa colaboración de Universidade, Concello e Deputación, o programa destas xornadas foi presentado este mércores pola directora da EE Forestal, Ángeles Cancela; o secretario xeral da SGHN, José Rodrigo Dapena, e a vogal da súa sección de Botánica Saleta González. Abertas á cidadanía e con inscrición previa, o programa destas xornadas abrangue nove relatorios que poden ser “interesantes para a formación de alumnado e para o profesorado”, salientou Cancela, que incidiu na vontade da escola se colaborar “con calquera tipo de xornada relacionada co eido forestal e co medio ambiente”.
Con máis de 150 inscritos e inscritas ata a a data, as xornadas desenvolveranse neste centro o sábado 23 e arrancarán cun relatorio sobre iniciativas en materia de renaturalización do xornalista e naturalista Benigno Varillas. Tras el o investigador da Universidade da Coruña Alejandro Martínez-Abraín afondará no estado actual da bioesfera, mentres que Fernando Jubete, da Asociación de Naturalistas Palestinos, falará da recuperación de lagoas esteparias, e Ismael Puente, do Aquarium Finisterrae, na situación dos anfibios e réptiles de Galicia. A sesión matinal pecharase cun relatorio de Francisco Javier Silva Pando, do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, sobre as paisaxes naturais do home, e a actividade continuará pola tarde cun relatorio de Alfredo López, do CEMMA, sobre candorcas e veleiros. A continuación, o egresado da EE Forestal Gerardo da Silva, de Biosfera Consultoría Medioambiental, falará da construción do hábitat dunha bolboreta protexida, mentres que Manuel Arzúa porá o foco nos efectos dos parques eólicos sobre os morcegos, antes de que Serafín González, da SGHN, imparta a conferencia de peche.
Na tarde do venres, este evento abrirá a súa programación coa proxección, no Teatro Principal do documental El bosque salvaje de Pardomino, complementada cun coloquio co seu director, Carlos Rodríguez.