DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun acto promovido con motivo do Día da Investigación Italiana no Mundo

A Embaixada de Italia recoñece o labor investigador de Mario Pansera

Director do Post-Growth Innovation Lab, con sede no campus pontevedrés

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 24/05/2024

"Celebrar os éxitos” dos investigadores e investigadoras italianos que desenvolven o seu labor científico en diferentes universidades e organismos españois e promover unha reflexión “sobre o estado dos intercambios científicos” entre os dous países. Estes, segundo sinalou a embaixada de Italia en Madrid, eran os obxectivos centrais do acto que promoveu na tarde deste xoves, con motivo da conmemoración do Día da Investigación Italiana no Mundo, e no que recoñeceu as traxectorias dunha decena de investigadores e investigadoras, entre os que se atopa o director do Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo, Mario Pansera. Baixo o título do Día do Investigador Italiano en España, a este evento foron convidados unha decena científicos e científicas “recoñecidos como excelentes” polo Consello Europeo de Investigación (ERC).

“España representa, desde hai anos, un destino popular para moitos brillantes investigadores italianos, que atopan unha contorna científica propicia para o desenvolvemento das súas ideas”, destacou o embaixador, Giuseppe Buccino Grimaldi, no discurso inicial dun acto que buscaba recoñecer algúns dos italianos e italianas que “alcanzaron postos de absoluto prestixio nas universidades e centros de investigación españois, tanto públicos como privados”. Nese senso, o encontro celebrado en Madrid permitiu coñecer o labor de investigadores como Pansera, natural de Nápoles e que en 2021 se incorporaba á UVigo como gañador dunha axuda Starting Grant da ERC, polo proxecto de investigación Prospera. Centrado en analizar como sería unha sociedade capaz de prosperar sen necesidade dun crecemento económico continuo, este proxecto levou á súa vez á creación, no campus pontevedrés, do Post-Growth Innovation Lab, integrado por preto dunha quincena de investigadores e investigadoras de diferentes países.

Co obxectivo de analizar tamén como poderían mellorarse os intercambios científicos entre España e Italia, o evento completouse cunha mesa na que participaron as presidentas do CSIC, Eloísa del Pino, e do Consiglio Nazionale delle Ricerche (CNR), María Chiara Carroza. Neste punto, o investigador da UVigo destaca o interesante de que as responsables destes dous organismos puidesen “escoitar as nosas propostas sobre como mellorar o sistema español e italiano de atracción de talento”. Concretamente, Pansera trasladoulles a necesidade de “crear espazos para fomentar a investigación interdisciplinar”, así como de modificar “os paneis de valoración de proxectos e de acreditación para valorar de verdade” esa multidisciplinariedade.