DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O delegado do Goberno en Galicia puxo en valor a “aposta histórica” do executivo por este sector

Especialistas buscan “respostas eficaces” para avanzar na protección xurídica e laboral das persoas coidadoras

Os altos niveis de precaridade levan a que sexan as mulleres migrantes as que asuman estas tarefas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HR
  • Investigación
  • Investigación
D. Besadío DUVI 25/10/2024

“Os coidados son a clave de bóveda que sostén a nosa sociedade e, pola contra, nunca foron acompañados do grao de recoñecemento que merecen, senón que sempre estiveron invisilizados, precarizados e sostidos grazas ao traballo de miles de mulleres”. Así se referiu o delegado do goberno en Galicia, Pedro Blanco, ao papel que teñen na sociedade as persoas coidadoras, en especial as mulleres, un papel que cobra importancia nunha Galicia cada vez máis envellicida e onde a cifra de persoas dependentes se sitúa xa por enriba das 100.000,  das cales 23.000 residen na provincia de Pontevedra. 

Así o puxo sobre a mesa o representante do Executivo na inauguración das xornadas O ecosistema do sector de coidados na provincia de Pontevedra: realidade xurídica-laboral e sociolóxica, unha actividade que reuniu na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo  a un destacado número de especialistas cun obxectivo común: analizar a realidade das persoas traballadoras no sector de coidados para poder atopar “respostas eficaces” que permitan avanzar na súa protección social, con especial énfase na perspectiva de xénero, xa que se trata dun sector amplamente feminizado e precarizado.

Blanco estivo acompañado na apertura destas xornadas polo decano da facultade, Francisco José Torres; a directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Águeda Gómez, que por motivos de axenda tivo que asistir en liña, e os dous directores das xornadas, os docentes da Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, Irene Dozo e Antonio Megías. Todos fixeron fincapé en que os últimos indicadores demográficos desta provincia amosan un forte crecemento do envellecemento da poboación (“o 25% dos seus habitantes ten 65 ou máis anos”) ao que debe sumarse que se trata dun dos territorios máis lonxevos do país. 

“Un dos principais desafíos é o déficit de man de obra”

“Un dos principais desafíos ao que nos enfrontamos é o déficit de man de obra”, subliñou a directora da xornada, Irene Dozo, quen explicou que, ao ser unha profesión caracterizada fundamentalmente por altos niveis de precariedade, con salarios baixos, xornadas longas, ausencia de prevención, etc…, está provocando que os traballadores nacionais rexeiten dedicarse a este tipo de tarefas e sexan as persoas migrantes, especialmente as mulleres, as que asuman este labor. “Estes retos esixen un enfoque multidisciplinar e coordinado, no que as políticas públicas xogan un papel moi importante á hora de defender as condicións laborais eficientes destas traballadoras do sector dos coidados”, recalcou a docente.

Mulleres migrantes vítimas de discriminación

A dispersión xeográfica, o abandono do rural, a dixitalización ou o desprazamento dos coidados do ámbito familiar ao ámbito externo son, tal e como se expuxo neste encontro, características que levan a un progresivo incremento da demanda de servizos de coidados remunerados. Quen realiza traballos de coidados adoita padecer condicións laborais precarias que acaban repercutindo na súa protección social. “As mulleres migrantes son as principais persoas que desempeñan estas tarefas, situándose como un colectivo vulnerable e sendo vítimas de discriminación interseccional”, salientou Dozo, quen fixo fincapé na necesidade dun estudo detallado sobre as particularidades do mercado de traballo do sector dos coidados.

“Aposta histórica” do Goberno pola economía dos coidados

Pola súa banda, o delegado do goberno en Galicia, Pedro Blanco, reivindicou o impulso do Goberno á economía social e dos coidados cun investimento “sen precedentes” neste eido nos últimos anos, con case 84 millóns de euros destinados a Galicia do PERTE deste ámbito, dun orzamento global de 800 millóns de euros.

Así mesmo, Blanco resaltou que o Goberno puxo en marcha este ano a primeira Estratexia Estatal que desenvolve un novo modelo de coidados na comunidade, á que dotou de 1300 millóns de euros, e lembrou que no ano 2021 o Executivo de Pedro Sánchez modificou o decreto que regula as cotizacións á Seguridade Social das persoas coidadoras non profesionais (máis de 1500 na provincia), permitindo actualizar a base de cotización a quen reduce a súa xornada e as súas retribucións para coidar de persoas dependentes.

A xornada, que se prolongou ao longo de toda a mañá, organizouse dentro do marco do proxecto que leva o mesmo título  Ecosistema do sector de coidados na provincia de Pontevedra: realidade xurídica-laboral e sociolóxica, concedido polo programa de axudas financiado pola Deputación de Pontevedra para o desenvolvemento de iniciativas investigadoras promovidas por persoal investigador dos campus de Vigo e Pontevedra para o ano 2024.