Nuns encontros dirixidos a xerar sinerxías entre diferentes centros de formación artística
Estudantes de Belas Artes e Deseño desenvolven proxectos inspirados na pedra xunto a alumnado doutras disciplinas
Celébranse ao longo desta semana no Pazo de Mariñán
Xerar sinerxías entre o alumnado dos diferentes centros de formación artística superior de Galicia é o propósito da Residencia de Creadores e Creadores Emerxentes Interaccións artísticas en Galicia, que desde este martes reúne no Pazo de Mariñán, no muncipio coruñés de Bergondo, alumnado das facultades de Belas Artes e Deseño, dos conservatorios superiores de música da Coruña e Vigo e de diferentes escolas superiores de deseño. Coa pedra como eixe temático, o obxectivo destes encontros é que estudantes de diferentes ámbitos artísticos poidan traballar de forma conxunta e dar forma a proxectos creativos de carácter interdisciplinar. Promovida pola Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) xunto coas diferentes institucións educativas participantes, coa colaboración da Deputación da Coruña, trátase da quinta edición desta residencia, na que a UVigo está representada por oito alumnas do campus pontevedrés.
“O interesante destes encontros é que vén xente do ámbito da música, do teatro, das artes plásticas en todas as facetas... A idea é que poidan traballar en común e que xurdan proxectos desas conexións”, sinala o profesor de Belas Artes Ignacio Barcia, que coordina a participación do alumnado do campus neste proxecto xunto con Román Corbato, da Facultade de Deseño, centro que se suma por primeira vez a esta iniciativa. Ao longo desta semana, as estudantes Mónica Lago, Alba Pino, Elena Ramírez, Jimena Rodríguez, Nerea Santiago, Cristina Souto, Sandra Barreiro e Ruth Vidal desenvolven neste pazo as propostas artísticas que idearon a partir do lema desta edición A pedra: tempo e materia. Coincidindo co feito de que a RAGBA dedica neste 2024 o Día das Artes Galegas ao escultor Francisco Asorey, avogouse porque a pedra fose o “eido de reflexión tránsito ou chegada dos procesos de creación” desta edición, na que participan, xunto ás facultades e conservatorios, as escolas superiores de deseño Pablo Picasso, Mestre Mateo, Ramón Falcón e Antonio Faílde, así como a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD).
O encontro celebrou na tarde deste martes o seu acto inaugural, coas intervencións de Barcia e de Mónica Alonso, en representación da RAGBA, sucedido dunha conferencia introdutoria do profesor emérito da UVigo Juan Fernando de Laiglesia. O peche desa primeira xornada centrouse na posta en común dos distintos proxectos e ideas, co propósito de iniciar este mércores o seu proceso de desenvolvemento. A residencia pecharase na tarde deste venres cunha xornada de portas abertas dirixida a que o público poida coñecer as diferentes obras realizadas ao longo dunha semana de traballo conxunto, na que tamén terán lugar conferencias e actuacións musicais.
Proxectos artísticos que mudarán as interaccións
Aínda que serán esas conexións entre disciplinas as que determinen os resultados finais, o alumnado seleccionado acudía a Mariñán con propostas de traballo como a de “xerar un diálogo entre o tectónico e o estereotómico”, no que se conecten tecido e pedra, formulada por Sandra Barreiro. Investigadora predoutoral na Facultade de Belas Artes e egresada do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, a proposta de Barreiro Parguiña céntrase en realizar ilustracións sobre panos a man de formas inspiradas na pedra, para logo empregalos “nunha interpretación de danza acompañada cunha actuación sonora”, buscando esa conexión entre disciplinas.
Xunto a Barreiro e a estudante do Mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda Ruth Vidal, neste encontro participan seis estudantes do Grao en Belas Artes. Ese é o caso de Elena Ramírez, que proxectou un vídeo ensaio que “parte do granito galego como fonte de inspiración”, pondo o foco na propia fachada do Pazo de Mariñán. “A miña proposta é observar o granito. Detectar as súas características, describilo, fixarse nas súas tonalidades, as súas formas, as pegadas que o tempo deixou nel”, sinala respecto do punto de partida dunha peza cunha parte documental, que reflicta o uso deste material por artista galegos, e outra “performática”, derivada desa propia observación. “O meu proxecto depende en gran parte da colectividade”, recoñece Ramírez, que destaca esta posibilidade de “colaborar con artistas de calquera disciplina”, como unha iniciativa "non só interesante, senón necesaria".
No positivo desa convivencia incide tamén Cristina Souto, cuxa idea é “traballar cos conceptos de cartografía e paseo sonoro”, así como “explorar a dimensión espacial do son e a idea do territorio”. De aí que poña en valor as achegas que pode supor a interpretación destes conceptos desde outras ramas artísticas e que a obra resultante sexa “froito da convivencia nestes días”.
Unha desas colaboracións será a que manteña con Nerea Santiago, con quen explorará as estancias do Pazo co propósito de conectar ese interese pola “cartografía sonora” coa proposta deste alumne, centrada na “configuración do tempo”. A súa proposta de obra parte dunha “reflexión sobre a aparición e cese das obras artísticas”, para a que proxecta “esculpir unha pedra ata que esta desapareza por completo”, de tal xeito que a obra completarase “no momento no que deixa de existir materialmente”, sinala dunha acción "completamente aberta a sinerxías con outras disciplinas".