DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Divididos en diferentes grupos, 40 alumnos e alumnas desenvolveron a proposta ao longo da mañá

Estudantes de Comunicación Audiovisual deseñan a web dunha cooperativa social

A colaboración formaba parte á súa vez dun exame práctico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 10/12/2024

Na mañá deste martes, 40 alumnas e alumnos do Grao en Comunicación Audiovisual enfrontábanse ao exame práctico da materia Desenvolvemento de proxectos web, no que, en lugar de demostrar as competencias adquiridas ao longo do cuadrimestre, tiveron que facer fronte a un caso real. Concretamente, desenvolver, nun prazo de cinco horas, unha “proposta de redeseño” do portal web da cooperativa Rexenerando, como explica o profesor Xabier Martínez Rolán, responsable desta materia. Partindo da metodoloxía de aprendizaxe-servizo, que leva o alumnado a traballar con diferentes entidades e colectivos, esta actividade completouse coa presentación dunha proposta de web “completamente funcional” que poderá ser empregada por esta cooperativa de Ferrol.

“Somos unha entidade pequena da economía social e solidaria, un equipo de catro persoas que traballa no eido sociocultural en proxectos artesanais”, explica Olga Romasanta, responsable de comunicación de Rexenerando, que ao inicio da xornada encargábase de presentar por videoconferencia ao alumnado tanto as áreas de traballo da organización, que centra o seu labor na participación social, a igualdade e diversidade e a cultura, memoria e lingua, como o tipo de web co que quererían contar. Nese senso, a representante desta cooperativa recoñecía que “un dos retos para entidades como a nosa” é precisamente “saber contar o que facemos”, o que levouna a pór de relevo a importancia desta colaboración, “porque interésanos moito saber como outras persoas que se están formando neste campo contarían dun xeito visual quen somos e que facemos”. Romasanta explicou que a cooperativa atópase actualmente “nun proceso de redefinición real da nosa páxina web”, de tal xeito que esta iniciativa non só serviu para enfrontar o alumnado a un “caso real”, senón para que esta entidade puidese reunir unha serie de propostas, das que, sinalou, “seguro que podemos tirar proveito”.

Como explica Rolán, esta actividade contou tamén coa colaboración da empresa Dinahosting, que cedeu o espazo no que as e os estudantes puideron aloxar a proposta que deseñaron ao longo da mañá. Previamente, recibiron un briefing que reunía información tanto sobre os ámbitos de traballo e iniciativas da cooperativa como do tipo de web que quererían, para logo manter un encontro virtual con Romasanta, no que solucionar posibles dúbidas antes de comezar a traballar na web, divididos en diferentes grupos.