DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Resultado dun proxecto desenvolvido pola UVigo no marco da Rede Eusumo

Un estudo identifica áreas de innovación nas que a tecnoloxía pode mellorar o coidado das persoas maiores

Como sensores de monitorización das súas rutinas ou instrumentos de asistencia domiciliaria

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 11/10/2024

O desenvolvemento de ferramentas para o acompañamento a distancia das persoas maiores e para a súa estimulación cognitiva, de sensores para a monitorización dos seus movementos e rutinas e de instrumentos de asistencia domiciliaria. Estas son algunhas das áreas de innovación que poden facer das novas tecnoloxías unha ferramenta fundamental no futuro do sector dos coidados, segundo recolle o informe final dun proxecto desenvolvido pola Universidade de Vigo no marco da Rede Eusumo, da Xunta de Galicia. Dirixido a coñecer que uso fan dos dispositivos tecnolóxicos tanto as persoas maiores como os centros de día e residencias, así como a identificar boas prácticas e oportunidades de emprendemento, os resultados deste estudo presentáronse este venres na sede da Vicerreitoría do campus, no marco da xornada As novas tecnoloxías como impulsoras do emprendemento no sector da economía dos coidados e da economía social.

Como explicou o catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e coordinador da Rede Eusumo na UVigo, José María Cancela, o informe é o resultado final dun proxecto que buscaba tanto identificar as ferramentas tecnolóxicas existentes no sector e coñecer “como se están e empregando e que aceptación teñen”, como pór de relevo o papel “fundamental” da economía social “para levar a cabo propostas innovadoras” neste eido. Dirixido a “explorar como as novas tecnoloxías están transformando o panorama do emprendemento na economía dos coidados”, o encontro buscaba tamén promover o intercambio de experiencias entre axentes do sector e contribuír ao impulso de “novas iniciativas que melloren a calidade de vida dos maiores”, como engadiu a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, na apertura institucional, na que participou tamén José Antonio Rodríguez, director territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, que presentou a Estratexia Galicia de Economía Social. 

Unha “área emerxente” con oportunidades para o emprendemento

Tomando como punto de partida o envellecemento poboacional de Galicia, o informe Usos das novas tecnoloxías e da intelixencia artificial como factor de impulso do emprendemento en economía social no eido da economía dos coidados sinala este sector “como unha área emerxente” e identifica unha serie de “áreas de innovación”. Concretamente, o desenvolvemento de sensores de monitorización, vinculados, apuntou Cancela, “á práctica de exercicio físico, fundamental para manter a súa independencia e calidade de vida”. os proxectos de "estimulación cognitiva dos maiores que viven en residencias”; os instrumentos de asistencia domiciliaria e de apoio nos centros e o desenvolvemento de aplicacións de apoio á nutrición, de ferramentas de “acompañamento a distancia” e de plataformas dixitais. 

Partindo deste marco, identificaron unha serie de “oportunidades de emprendemento”, como as relacionadas co uso da domótica, na que se insiren tanto os sensores de movemento como o uso de asistentes de voz; o desenvolvemento de “produtos de acompañamento e atención a familiares”; ou “a educación tecnolóxica para maiores”, así como o desenvolvemento de aplicacións ligadas á monitorización.

Que tecnoloxías empregan e como?

Os resultados dunha enquisa sobre o uso destas tecnoloxías entre as e os maiores galegos permitiron constatar en primeiro termo a persistencia dunha “fenda dixital”, xa que o 56% das e dos participantes non contaba cun dispositivo móbil con acceso internet. Aqueles e aquelas que si os empregaban utilizaban maioritariamente o móbil, aínda que “non dedicaban nin unha hora o día a tarefas relacionadas co acceso a internet e a aplicacións tecnolóxicas". Entre estas, as máis empregadas son WhatsApp e Facebook, xunto con Youtube, que pode constituír “unha vía de acceso para ensinarlles a empregar estas tecnoloxías”, sinalaron os responsables deste estudo. Pola contra, “o gran reto que persiste aínda” é que apenas empregan este tipo de dispositivos para xestións bancarias, sanitarias ou administrativas.

O proxecto abrangueu tamén unha enquisa a responsables de residencias e centros de día, que permitiu constatar que “nestes últimos anos estiveron implantándose terapias relacionadas coas novas tecnoloxías ou actividades para ensinarlles a empregalas”. Concretamente, o 75% dos centros participantes leva a cabo iniciativas deste tipo, sendo neste caso as tabletas o dispositivo máis empregado, “aínda que preto da metade” utilizaron tamén lentes de realidade virtual.

Co obxectivo de sumar a esta análise as visións de diferentes axentes, a xornada completouse cun coloquio sobre as oportunidades en materia de emprendemento, no que participaron representantes de Televés, DomusVI e do grupo de investigación HealthyFit da UVigo; e cunha mesa que permitiu coñecer as iniciativas desenvolvidas por BigFormación, Saraiva Home, Insati e a federación de asociacións de alumnado sénior Fegaus.