Reúne ás seis universidades públicas da Eurorrexión Galicia norte de Portugal
A Fundación CEER celebrará este ano o seu 20 aniversario cun amplo programa de actividades
A Fundación CEER, Fundación Centro de Estudos Eurorexionais Galicia - Norte de Portugal (FCEER), constituíus en 2004 co obxectivo de reforzar os vínculos entre as seis universidades públicas de Galicia e do norte de Portugal: A Coruña, Minho, Porto, Santiago de Compostela, Vigo e Trás-os-Montes e Alto Douro. Desde entón pasaron 20 anos e converteuse nun elemento clave de dinamizacións das relacións de cooperación entre as seis universidades públicas da Eurorrexión Galicia norte de Portugal. Co gallo deste 20 aniversario, a entidade desenvolverá este ano un amplo programa de actividades coas que dar a coñecer o seu traballo, así como os principais retos de futuro.
Nesta traxectoria de intenso traballo, a Fundación CEER participou e promoveu varios proxectos conxuntos, como UNISF, Atlantic Positive, Atlantic Sunset ou Iacobus, á vez que promoveu máis de 50 redes de traballo con especialistas en diferentes áreas de actividade, logrando recadar máis de 25 millóns de euros en diferentes programas europeos e estatais.
Con motivo do seu 20 aniversario, a Fundación conta cunha nova páxina web coa que renova a súa imaxe dixital e recolle información sobre todo o traballo de cooperación interuniversitaria da Eurorrexión.
Actividades ata finais de ano
Ademais, está previsto o desenvolvemento dun macrocongreso organizado no marco do proxecto POCTEP Red Iacobus xunto coa Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal (GNP, AECT) no que se presentarán os fitos alcanzados na FCEER nestes 20 anos así como accións futuras.
Xa entre os meses de setembro e outubro terá lugar o acto central de celebración dos 20 anos da FCEER, que reunirá os máximos representantes institucionais eurorrexionais como son as 6 universidades públicas da Eurorrexión, a Xunta de Galicia, a CCDRN e a GNPAECT. Este acto conxunto dará saída a seis xornadas específicas en cada unha das universidades socias da FCEER para tratar asuntos de máxima relevancia coas persoas representantes dos centros e servizos de interese estratéxico para estas institucións.