DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do proxecto con financiamento estatal Safe-Vertiport

O grupo Aerolab creará unha ferramenta computacional para definir as mellores rutas para os aeroportos de drons

Combinando datos xeoespaciais, meteorolóxicos e de simulación de fluídos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 02/07/2024

O grupo da Universidade de Vigo Aerolab (Aerospace & Transportation Systems Laboratory) traballa, no marco dun proxecto estatal, na creación dunha ferramenta computacional que, baseándose en datos xeoespaciais, meteorolóxicos e de simulación de fluídos, definirá as rutas máis seguras e eficientes para un vertiporto en cidade, é dicir, para un aeroporto de drons urbano.

O proxecto Mobilidade aérea urbana segura e eficiente en vertiportos baseada en modelos CFD de micrometeoroloxía (Safe-Vertiport) ten unha duración de dous anos, estando previsto que remate en decembro de 2025. Está financiado con 121.000 euros pola convocatoria Proxectos de Xeración de Coñecemento, do Ministerio de Ciencia e Innovación, e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional-Next Generation EU. Como investigadores principais están os catedráticos e membros do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais da UVigo Elena Martín e Higinio González. O enfoque do proxecto é multidisciplinar, combinando persoal investigador con experiencia en sistemas aéreos non tripulados e tecnoloxía xeoespacial (Higinio González, Iván Puente e Luis Miguel González), en modelos meteorolóxicos (Nieves Lorenzo e Inés Álvarez) e aerodinámica, mecánica de fluídos computacional e modelado de orde reducido (Elena Martín).

Na actualidade, indican desde a organización do proxecto, no sector en auxe dos drons, a tendencia é optar pola construción dos chamados vertiportos, infraestruturas enerxeticamente eficientes pensadas para integrarse na cidade e permitir operacións áxiles e seguras deste tipo de aeronaves. “Os vertiportos achegarán un novo modelo de conectividade urbana”, sinalan as e os investigadores da UVigo. Neste contexto, o obxectivo xeral de Safe-Vertiport é “contribuír a garantir a seguridade e a eficiencia de manobras de aterraxe e despegue de aeronaves en emprazamentos de vertiportos urbanos”.

As rutas máis seguras e eficientes

Concretamente, Safe-Vertiport traballa no desenvolvemento de algoritmos para a definición de rutas de aterraxe e despegue (planificación de rutas) baseadas en información xeométrica combinada, predicións micrometeorolóxicas-CFD, restricións reguladoras e a envolvente de voo dunha aeronave. O algoritmo de planificación que se persegue, baseándose nunha combinación de factores derivados da información anterior, ofrecerá un espazo aéreo “voxelizado”, indicando se cada vóxel (cada unidade cúbica del), é apto para ser utilizado pola aeronave ou non, definindo así en primeiro lugar o camiño máis seguro para ela e, en segundo lugar, o máis eficiente en tempo e enerxía consumida.

O proxecto aposta pola aplicación de tecnoloxías como modelado xeoespacial 3D; de simulación CFD de fluxos de aire e de microclima. A xeración e implementación dos diferentes modelos emprega ferramentas de balde e de código aberto e a validación da proposta desenvolvida realízase en parte empregando equipos da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense á que pertence o equipo investigador.

Finalmente, Safe-Vertiport desenvolverá “unha ferramenta dinámica que resolverá, con predicións rápidas, o fluxo no vertiporto a escalas da orde de metros utilizando software CFD”. Deste xeito, o proxecto, apuntan por último os seus responsables, achegará tres novidades ao seu ámbito de traballo: o uso de condicións de contorna máis realistas e precisas, a implementación dun rápido modelo de predición de fluxos de vento en resolución de metros e a súa alimentación a partir da lectura dinámica de predicións meteorolóxicas.